El Correo Gallego

Portada » Hemeroteca Web

pan e coitelo

A memoria doutros botellóns

XOSÉ MANUEL SARILLE ESCRITOR E PROFESOR   | 16.10.2007 
A- A+

Á marxe do que un pense sobre o botellón, convén lembrar varias premisas que explican a festa. En primeiro lugar as bebidas que emborrachan son moi caras; os espléndidos taberneiros galegos xa non expiden aquela purrela que estivo literalmente a punto de matarnos na rúa do Franco; Sanidade non tolera ese líquido e os rapaces buscan alternativas coordenadas cos seus petos. En segundo lugar trátase de xoves, moitos, que por seren tantos e ter a idade e a enerxía que teñen, necesitan divertirse, o cal provoca por si mesmo unha molestia. A adrenalina e as outras hormonas non saen sempre en fluxos ordenados nin coa frecuencia socialmente ideal, e provocan un conflito, vello como o mundo, cos cidadáns que xa esqueceron ese estado e dormen placidamente. A xuventude é transgresora e nestes episodios proceden de paso a apuñalar o pai, mentres meten o morro no bico de plástico e cando enxurran o xardín antes de iren durmir a chea.

Claro que os adultos e os gobernantes, que tamén parecen adultos, poden comprender iso, mais por idade e responsabilidade non deben toleralo. É lei de vida. Resulta lóxico indignarse coa conduta adolescente. Pero os concelleiros, antes de expresar o seu parecer xeracional, deberían lembrar que hai uns anos, dun xeito paternalista, sen contar moito cos interesados, decidiron abrir pavillóns para que os rapaces fixesen exercicio físico ás catro e media da mañá, o cal ven sendo parecido a irse ao cinema despois de erguerse. Senta como un tiro. E fracasaron, en Compostela, en Ferrol, porque a esas horas apetece unha copa, unha canción ou a calor dun corpo. Cucos como son non dixeron nada e pasaron por riba do fracaso sen avalialo. Agora o alcalde de Lugo volve explicarnos, con suavidade episcopal, onde reside a virtude, o cal está ben como exercicio espiritual, pero mellor estaría que nos dixese onde reside a solución. Porque non é fácil.

Aínda así cómpre lembrar que todo é relativo, que hai quince anos a xente estaba tirada nas rúas morrendo de heroína e que ningún rapaz conducía sereno a partir das dez da noite. Recorden, que tampouco convén esquecer o que fomos.