El Correo Gallego

Portada » Hemeroteca Web

pan e coitelo

Lapotes

BIEITO IGLESIAS. ESCRITOR E PROFESOR   | 08.11.2007 
A- A+

A hiperrealidade (as cadeas de tv enchéndolles os petos ás testemuñas adolescentes para que lles pasen a gravación dunha malleira) quer convencernos de que uns rapazolos pelexóns constitúen unha noticia sensacional. Cando loitabamos no patio do recreo, antes da sociedade do espectáculo, era preciso lamber e ocultar as feridas de guerra a fin de evitar que os nosos pais nos administrasen outra posta de pescozóns ao chegarmos á casa. Agora, se os rillotes dunha vila de nome neboento (Boiro) se enganchan a lapotes nun peirao de nome de peixe escorpénida (Escarabote), desencadéase un negocio colosal en forma de audiencias e tiradas de imprensa, de exclusivas, venda de tarecos telemóbiles e reclamo de profisionais peritos nestas meadas: psicólogos, pedagogos, simples charlatáns.

Debe ser a nova economía, que rendibiliza mellor un garrafón multitudinario de mozotes borrachuzas que un cadro de operarios a traballar nunha fábrica; que extrae meirandes beneficios de nenos imitadores de Jean Claude Van Damme que de aplicados chapóns entregados a coleccionar sobresalientes nas aulas. Como a culpa ninguén a asume, acábanse imputando estes episodios ao goberno, ao conserxe do instituto ou ás superficies comerciais fomentadoras do consumismo.

Pero os feitos, que son o único irrefutable que hai no mundo, sinalan aos pais por non ensinaren aos fillos (tal vez por sentírense inferiores diante de modernas e marabillosas criaturas que tan ben manexan o telefoniño); ao business mediático aganado por xuntar diñeiro exhibindo remakes ridículos do circo dos gladiadores; ao espectador paspán que abre a boca perante un ramo de violencia animalesca sufrido por primates escasamente evoluídos, idéntico aos que mostran os documentarios naturalistas de sobremesa.

Que hai de novo? A novidade non está na violencia, maior en calquera etapa histórica pasada (os nosos avós desfacían as festas a paus); é novidoso o protagonismo dos menores e o afán de televisalo todo, mesmo falcatrúas que antes se tapaban. Os pequenos non teñen medo e os grandes non teñen vergoña.