El Correo Gallego

Portada » Hemeroteca Web

literatura

'O frío azul' de Ramón Caride faise co Premio Lueiro Rey de Narrativa Breve

O xurado outórgalle o galardón por unanimidade a unha novela que viaxa ao século XVI e na que o seu autor achou "un desafío" // Elementos históricos e fantásticos conviven nesta reflexión "sobre a intolerancia e os abusos do poder"

FRAN P. LORENZO • SANTIAGO   | 11.11.2007 
A- A+

M. BLANCO
O poeta e narrador Ramón Caride Ogando, gañador do Lueiro Rey
FOTO: M. BLANCO

"Houbo total unanimidade". Así o sinalaban os membros do xurado logo de outorgarlle ao narrador e poeta Ramón Caride Ogando o Premio de Narrativa Breve Lueiro Rey pola súa novela O frío azul, resolto onte. O alto valor literario da súa prosa, a coidada construción dos personaxes e a dosificada tensión dunha trama que viaxa á Idade Media fixeron que esta narración se impuxera entre os vinte orixinais que se presentaron á décimo quinta edición do galardón, que convoca o Concello do Grove en colaboración coa editora Sotelo Blanco.

"Propúxenme esta novela como un desafío e estou contento co resultado", sinalaba onte o autor, que confesa que aprendeu moito con este mergullamento no século XVI, en ambientacións diferentes como Galiza, o Val de Xálima, berce do galego estremeiro falado en Cáceres, e Toledo. Logo de madurecer o relato, precisamente despois dunha visita do escritor a ese recanto do galego exterior, a novela foi medrando "nun proceso moi agradábel, no que fun descubrindo moitas cousas...".

A vontade de Caride Ogando era, sen renunciar ao rigor e á calidade formal, acompañar o lector na descuberta do misterio que se cifra nas páxinas de O frío azul, e facelo con doses de misterio e de fantasía.

A lenda, unha lenda popular do Courel relacionada coas mulleres, está na base desta historia, que se inicia coa chegada dun viaxeiro ao Mosteiro de Oseira, en Ourense, no medio dunha treboada. Ese protagonista leva consigo unha pregunta, un enigma, un fío do que deberá tirar canda o abade de Oseira para ir, ao paso de quen le, desfacendo o nobelo.

No seo da narración, no que tamén abrollan elementos filosóficos e "diálogos platónicos entre os personaxes", o autor de Soños eléctricos acudiu a fitos do século XVI como, segundo explica, "as guerras pola coroa de Castela ou os procesos inquisitoriais en Estremadura", que o narrador sitúa, desta volta, no citado Val de Xálima.

Convencido de que "o estilo é unha ferramenta para comunicar", pero que non debe supor un impedimento, unha barreira, Ramón Caride quixo, na novela distinguida co Lueiro Rey, "manter a axilidade narrativa e implicar o lector".

O escritor non quere adscribir O frío azul á tan común e xa gastada etiqueta de novela histórica, polo menos non ao que se entende por novela histórica nos andeis de librarías e centros comerciais. "Hoxe xa non se fan novelas históricas como Memorias de Hadriano", sinala este ourensán, cambadés de adopción, quen quixo abordar "nesta novela de acción e diálogos" asuntos que son recorrentes na súa produción literaria anterior. "Un dos principais temas de O frío azul é a intolerancia e os abusos do poder", apunta o narrador, pero tamén "a postergación da muller e mesmo a destrución da natureza", asunto este último representado na presenza invasora dos mosteiros, símbolo de poder eclesiástico, no seo dunha natureza virxe.

O xurado do Premio de Narrativa Breve Lueiro Rey, que se reuniu onte no Grove, estivo presidido por Manuel Quintáns, e integrado por Armando Requeixo, Ánxela Gracián, Mariña Pérez e Francisco Martínez Bouzas. Actuou como secretario deste, Antón Mascato.

Unha recoñecida traxectoria

Ramón Caride (Cea, Ourense, 1957), biólogo e profesor de ensino medio, é autor dunha extensa obra narrativa, recoñecida pola crítica e os lectores, con novelas como Soños eléctricos (Premio Blanco Amor, 1992), unha das primeiras obras de fantasía científica escritas en galego; Sarou, centrada no submundo do narcotráfico (Premio Café Dublín, 1997); e O Sangue dos camiños (Premio Risco de Literatura Fantástica, 2003). Como autor de relatos publicou tamén os volumes: Os ollos da noite (1990); Crónica de sucesos (1991); Lumefrío (1994); Fendas no tempo (1995); A incerteza dos paraísos (2000) e Boca da noite (2003).

Como poeta, é a autor de Flor no deserto (Premio Cidade de Ourense 1994), Xeografías do sal (accésit González Garcés 1998) e Diacrónica (2002). Estes e outros poemarios recóllense no volume As máscaras de Crono (Poemas 1994-2002).

NO PRELO

Dúas novidades

Están a piques de saír do prelo dous libros de Ramón Caride Ogando para cativos e mozos: Un coello na beiramar e O bastón dos desexos .