El Correo Gallego

Portada » Hemeroteca Web

pan e coitelo

Daquí á eternidade

BIEITO IGLESIAS ESCRITOR E PROFESOR   | 14.02.2008 
A- A+

A poder de exercicio aeróbico e restrición calórica (a forza de tocar a chanca e gardar a boca) a metade dos nenos españois nados estes días chegarán a centenarios. Velaquí a conclusión dun simposio organizado en Madrid, que transcribiu puntualmente este xornal o día trinta de xaneiro. Os especialistas reunidos na cidade do urso e do érbedo (de Aguirre e Gallardón) presentaron estudos con remedios contra o avellentamento, tales como a inxestión de curri -bo contra o alzhéimer- e a abstinencia de tabaco. A mestura de especiaría indiana (canela,pementa, xenxibre, coentro, azafrán das Indias, comiño, cravo, etc.) dalle aos pratos un formoso ton amarelo, de maneira que o comensal ten a impresión de mastigar un cadro de Van Gogh.

Lembro un restaurante da rúa du Cail parisina chamado O ouro da India, que ofrecía lagostinos á moda de Madrasta -bañados en curri-, xunto cunha grande variedade de manxares monotonamente condimentados co mesmo mollo. Acabei ensarreado só de ler a ementa e estou resolvido a desafiar a demencia senil mougando botelo, cachucha, grelos e demais viandas propias da sazón e do país.

No tocante ao tabaco, parece probado que os Adventistas do Sétimo Día, crentes que teñen prohibida a fumeta, viven nove anos máis que o resto dos estadounidenses. O raro é que os adventistas esperaban a parusía no ano 1844 e, ao non producirse, continúan agardando con impaciencia o fin do mundo. Esa prórroga de nove anos ha de facérselle eterna, por iso non se entende como non abrevian os trámites con longos charutos, con cachimbos ou paquetes de cigarros, erguendo fumeiras tan mestas como as das antigas borreas resultantes da queima do monte por parte dos labregos.

Son firme partidario de remexerse, dos paseos polas alamedas sempre e cando non se esaxere con marchas atléticas e suorosas carreiras en chándal. Somente os aeróbatas (os que andan polas nubes) corren que se matan para alcanzar a eternidade.