El Correo Gallego

Portada » Hemeroteca Web

pan e coitelo

Caravana de mulleres a Cervantes

XOSÉ MANUEL SARILLE ESCRITOR E PROFESOR   | 19.02.2008 
A- A+

Clodomira é unha amiga miña que chegou ilegalmente de Ecuador, importada por unha banda de gángsters para exercer a prostitución. Estivo recluída hai xa anos nun tugurio das aforas de Lugo, un antigo pazo cerrado con reixas e arames de espiño. Aproveitou unha operación policial para fuxir e foi acollida pola asociación feminista Alecrín. A redada produciuse porque unha nena de dezaseis anos enfermou alí dentro e estivo a piques de morrer; xa moi tarde, os chulos levárona a un hospital, onde lle amputaron as dedas dos pés. Ningún partido abriu a boca tampouco naquela ocasión, porque a ignominia da prostitución non está en ningunha axenda.

Existen en Galiza arredor de quince ou vinte mil putas, a maior parte delas escravas. En abril do ano pasado as mulleres do PSC abriron un debate no que propugnaban a abolición; parecía que tería continuidade, mais todo rematou aí. A explotación sexual é un dos principais espazos de sufrimento desta sociedade, pero dista moito das preocupacións dos cidadáns e das cidadás de pleno dereito deste país do Primeiro Mundo, apaixonadas polos seus problemas, importantes, sen dúbida, pero propios do seu status.

Clodomira non é moi linda, asina os seus anuncios como Sheila e segue traballando de puta nun piso da cidade, sen papeis, relativamente libre. Cando soubo que desde Cervantes organizaban unha caravana para que as mulleres que quixesen e os cincocentos homes solteiros que alí viven se coñecesen, decidiu que subiría na excursión, pensando que aínda era tempo para ser feliz, como que non.

Mais cando se emerxe dos pozos negros, as formas son moi importantes, e unha excursión de mulleres vese moito e queda moi fea. É como un transporte de carne que ofende a nosa exquisita sensibilidade. Polo tanto é machista. Entón o Bloque, que é moi prudentiño e tivo moito coidado de non tocar o tema da prostitución cando elaborou a Lei de Igualdade, escandalízase agora ante un espectáculo tan terríbel como o dunha excursión. Ve aí un atentado contra a dignidade das mulleres. Á hora da verdade todo se reduce a frívolas e indiferentes manobras de campaña electoral.