El Correo Gallego

Portada » Hemeroteca Web

ao raiar o sol

Centenario de Curros Enríquez

LUIS GONZÁLEZ TOSAR  | 24.02.2008 
A- A+

Gracias ao amigo Antonio Piñeiro, teño diante unha carta de Manuel Curros Enríquez, datada en Ourense, o 17 de xuño de 1881, e dirixida a Antonio Romero Ortiz. Trátase dunha misiva moi interesante, pois nela, nun ton moi respectuoso, o de Celanova declara que "ha tiempo que tengo el honor de pertenecer, como miembro activo, de la resp.: log.: Auria, al or.: de Orense, y de la cual es V. en la actualidad el más alto y poderoso representante."

Nesta carta o poeta lémbralle a Romero Ortiz o día que se coñeceran, en Pontevedra, durante a celebración dos Xogos Florais de 1880, nos que o político da Unión Liberal actuara como presidente e mantedor. Descúlpase Curros por non ofrecerlle entón un exemplar de Aires da miña terra, e despois de aclarar que o seu libro se esgotou axiña debido "no tanto a las persecuciones que contra ella me suscitaron las suspicacias neo-católicas, sino al inmerecido favor del público y de la prensa..." adxúntalle un exemplar adicado da segunda edición.

Antonio Romero Ortiz (San- tiago de Compostela 1822-Madrid 1884), activo participante na revolución de 1946, amigo e compañeiro de Antolín Faraldo e de Ramón Garea, deputado en varias ocasións, ministro de Ultramar, redactor da Constitución de 1869, ocupaba o cargo de gobernador do Banco de España cando Curros lle escribe. Non é de estrañar, pois, que, a parte das coincidencias ideolóxicas, Curros e Romero, alcumado Lutero Ortiz polo clero máis reaccionario, fosen irmáns na Orde masónica. Á parte do traballo da profesora Marifé Santiago Bolaños sobre as pegadas masónicas en O Divino Sainete e en Mirando ó chau, moito falta por pescudar sobre o Curros masón neste seu centenario.

luisgtosar@mundo-r.com