El Correo Gallego

Portada » Hemeroteca Web

pan e coitelo

María Xosé Jamardo

XOSÉ MANUEL SARILLE ESCRITOR E PROFESOR   | 04.03.2008 
A- A+

Nas sociedades desenvoltas, a emerxencia de líderes sociais prodúcese por moitas vías. Abonda con mirar para Barcelona e observar a calidade de escritores, políticos e dirixentes que non pasaron por universidade ningunha, que tiveron a rúa e a vida como academia. O panadeiro Jordi Solé Tura, a empregada de almacén Maruja Torres, o reloxeiro Juan Marsé. Galiza é un país ríxido na avaliación das capacidades individuais, onde a estratificación destila "funcionarite", onde o título universitario é un salvoconduto imprescindíbel, tanto para listos como para torpes.

María Xosé Jamardo pertence aos da rúa. Chegou á Mesa pola Normalización Lingüística hai dezasete anos, cando era unha adolescente, contratada como auxiliar administrativa e foise convertendo no principal cadro organizativo, até acadar a Secretaría Xeral da organización, o segundo posto do organigrama. Coñecía a sala de máquinas como ninguén e encargouse de que o motor seguira funcionando nos peores momentos, que foron varios. Do mellor que tivo a casa.

Hai un mes dimitiu. Explicou que tiña fondas discrepancias coa xestión interna e coa liña política da organización e foise discretamente, ela tamén lixeira de equipaxe, igual que todos os fillos da mar. Dezasete anos non son broma e a dimisión dunha secretaria xeral tampouco o é.

Por estas razóns, calquera agardaría polo menos dúas cousas que non sucederon. A primeira, que á marxe de discrepancias, por transparencia, saúde democrática e respecto por todos, comezando pola propia organización, se tivese informado desta dimisión e do nomeamento dunha nova secretaria xeral nos medios de comunicación e nos boletíns electrónicos internos que a dirección enviou aos socios despois da dimisión de María e do novo nomeamento. A segunda é que aínda con desacordos, unha traxectoria tan longa debe considerarse e agradecerse.

Eu son Presidente de Honor de A Mesa e debería abraiarme a manipulación, pero confésolles que a estas alturas só me molesta que se oculte inxustamente un dato así. Abúrreme como nada falar destas cousas, e nunca o faría se non se producise un agravio persoal tan evidente.