El Correo Gallego

Portada » Hemeroteca Web

pan e coitelo

Adeus ao Partido Comunista

XOSÉ MANUEL SARILLE ESCRITOR E PROFESOR   | 18.03.2008 
A- A+

Discuten en Izquierda Unida cales foron os fallos durante a campaña electoral para chegar a semellante fracaso. Uns falan da pésima estratexia e do tsunami bipartidista; outros, como sempre, de que o problema foi o líder e as guerras internas. E todos coinciden en que a lei electoral é inxusta, porque mentres o PSOE necesita cincuenta mil votos para obter un deputado, eles cun millón só acadan dous. Con eses vimbios intentan forzar o cambio da lei D' Hont por unha norma proporcional. A boas horas!

Son análises miopes porque atenden todas ao curto prazo. Ou desesperadas, porque despois desta desfeita non teñen saída. É verdade que se necesita esa reforma, pero a proposta parte dun grupo que, dito con claridade, deixou de existir no panorama político español e por tanto non ten capacidade para condicionar a axenda política.

Estes días bótanse de menos análises que na medida do posíbel sitúen historicamente os resultados electorais. Izquierda Unida, observada dentro dun tempo máis amplo, foi a adecuación do vello PCE a unha sociedade, que como todas as europeas occidentais foise desenvolvendo, fíxose máis democrática e tamén máis rica. Estas sociedades empequeneceron os nichos electorais aos que podía dirixirse ese partido. IU é unha adaptación do PC no final do ciclo, con todos os peros que se lle queiran poñer a unha afirmación tan pouco matizada, pero os parches verdes enriba da cor vermella non son máis que iso, parches. E chegou o momento, en que á marxe de tsunamis máis ou menos violentos, o enxeño político chegou ao final. O mundo é outro ben distinto ao de Pasionaria.

Hai espazo para unha esquerda á esquerda dos partidos socialdemócratas? Seguramente, pero está por inventar, ou estase inventando nese magma diverso, incipiente, contraditorio, aínda sen vertebrar, que é o altermundismo. Os excomunistas participarán, se chega a cristalizar, mais iso é unha cousa e outra ben distinta sería que unha tradición tan compacta e doutrinaria como a comunista seguise mantendo a hexemonía no espazo á esquerda da socialdemocracia. Para ben e para mal, iso rematou.