El Correo Gallego

Portada » Hemeroteca Web

pan e coitelo

Galicia perderá poboación

XOSÉ MANUEL SARILLE ESCRITOR E PROFESOR   | 25.03.2008 
A- A+

Informaba estoutro día o Instituto Nacional de Estadística de que España terá dous millóns setecentos mil habitantes máis dentro de dez anos. A Axencia Efe facía unha extrapolación dentro da mesma noticia e afirmaba que a comunidade galega diminuirá en trinta e tantas mil persoas no mesmo período.

A do INE non é a única previsión con resultados tan negativos. O ano pasado, coido que por estas mesmas datas, Eurostat, a oficina estatística da Unión Europea prevía que Galicia perdería trescentos mil habitantes nos próximos dous decenios. É verdade que de momento a tendencia non parece que sexa tan acusada como aprecian desde a UE, porque o Instituto Galego de Estatística publicou en febreiro deste ano que entre 2001 e 2006 a poboación aumentara o 1'27 por cento, grazas á chegada de inmigrantes ás nosas cidades e vilas.

Pero en todos os casos a situación é moi preocupante, porque mentres a maioría de países de Europa medra e medrará, mentres todas as comunidades españolas medran, agás Castela e León, Asturias e Euscadi, Galicia permanece estancada e perderá poboación ou sosterase co mesmo número de habitantes. En realidade sosterse é empequenecerse porque o país perde peso relativo constantemente, ao longo de varios séculos, sen que se vexan expectativas de cambio.

Un país non avanza, non respira, non evoluciona nin se fortalece sen que o capital humano o nutra e o vigorice. Envellece e esmorece irremediabelmente. Datos deste tipo coñecémolos cada poucos meses, pero nunca se escoitan declaracións de ningún político galego, oposición incluída, nin tampouco do goberno da Xunta sobre o problema. Non é que aspiremos a que tomen a cousa en serio, a que entre nas axendas, porque para iso fai falta outra disposición e outra visión de conxunto; trátase de que acusen recibo; que poidamos comprobar que teñen constancia duns datos tan preocupantes.

O asunto non se resolve en catro días, é certo; tampouco ten a Xunta toda a capacidade para virar a tendencia, pero todos os camiños comezan por un paso, un paso que nunca debe ser o de maquillar as cifras para buscar a comodidade política no curto prazo.