El Correo Gallego

Portada » Hemeroteca Web

pan e coitelo

A ferocidade do Partido Popular

XOSÉ MANUEL SARILLE ESCRITOR E PROFESOR   | 27.05.2008 
A- A+

Se entre eles son capaces de insultarse e agredirse así, é fácil imaxinar o que estarían dispostos a facer cos demais se gañasen as eleccións e obtivesen o monopolio da estaca e a mordaza. Despois deste espectáculo, seguro que a maioría dos votantes do PP están espantados coa súa decisión de meter esa papeleta na urna.

Os dirixentes populares están probando a súa propia medicina, é certo. Todos. Uns afirman sen recato que Rajoy non pode presentarse máis veces a presidente do goberno porque xa fracasou dúas. Dino aínda que o seu antecesor se presentase tres. Eles non se ruborizan. De tanto repetir mentiras, convértenas en verdades. Como aquela outra que comparten todos e que anunciaba a apocalipse de España pola negociación con ETA, sabendo que Aznar dialogara antes cos terroristas. Ese estilo.

Cargáronse de enerxía durante os mandatos de Aznar, nunha viraxe cara a extrema dereita que non ten nada de circunstancial. Os brandos, Rajoy e compañía, asumen os pasos que se deron desde hai oito anos cara esas posicións. Acéptanas. Só discuten que os ultras queiran continuar a escalada. Fíxense senón no marianista Núñez Feijoo. Está moi mareado, pero argumenta como hai doce meses: só a lista máis votada ten lexitimidade para gobernar; hai persecución dos castelán falantes en Galiza.

Non resolverán o problema. A ultradereita deslízase sen freo nin complexos e Rajoy pretende manterse na bravura actual, que eles chaman centro, pero que de centro non ten nada.

En España predominou unha dereita histórica, de moi longa duración, de proclamas totalitarias, que viviu silenciada durante dous decenios, incrustada no PP. Cústalles afirmarse dentro dunha sociedade moderna e dinámica, pero fano e a estas horas esa posición volve a ser visíbel, conformándose como unha mestura ideolóxica de integrismo, nacionalismo e modernez neocom. Tirarán máis da corda todo o que faga falta, e talvez ameacen pronto con sacar á rúa cincuenta mil voluntarios armados con fusís, como fixo hai un mes Umberto Bossi, o xefe da Liga Norte, un partido que goberna en Italia. Quizás non falte tanto para chegar a esa alucinación.