El Correo Gallego

Portada » Hemeroteca Web

O seminario “Iniciación á agricultura ecolóxica” celebrarase o venres 6 de xuño

Medio Rural organiza dous seminarios sobre produción ecoloxica en sete centros comarcais

03.06.2008 
A- A+

A Sociedade para o Desenvolvemento Comarcal de Galiza –dependente da Consellaría do Medio Rural– coordina a celebración de dous seminarios temáticos sobre produción ecolóxica que terán lugar en sete centros comarcais de Galiza. O obxectivo da Consellaría do Medio Rural é difundir e promocionar a agricultura ecolóxica, tanto a través da formación dos interesados en aplicar estas técnicas de produción como da concienciación dos consumidores para que merquen alimentos máis sans, con menos residuos químicos e producidos con máis respecto polo medio ambiente.

O primeiro dos seminarios, “Iniciación á agricultura ecolóxica”, desenvolverase o vindeiro venres 6 de xuño nas comarcas da Ulloa e de Ordes, en horario de 16.00 a 20.00 horas. Esta actividade de formación divídese en catro partes. A primeira consiste nunha introdución sobre os efectos non desexados da produción intensiva, a definición da produción ecolóxica, as producións implicadas e a lexislación relacionada. O seminario continúa cun espazo dedicado aos principios teóricos de produción, o manexo do solo, o manexo da cuberta vexetal, o control de pragas e enfermidades e a xestión de malezas. A terceira parte está dedicada á comercialización e trataranse cuestións como a caracterización do consumidor, o potencial de mercado e as diferenzas entre mercado convencional e ecolóxico. A última parte denomínase “Na práctica” e nela presentaranse casos concretos de fincas de horta, produción de leite e de carne de vacún ecolóxicos.

A participación neste seminario é gratuíta, aínda que as prazas son limitadas polo que todos aqueles que estean interesados deberanse inscribir canto antes nos centros comarcais mediante chamada telefónica, fax ou correo electrónico, no caso de Ordes o teléfono é o 981 68 83 86, o fax o 981 69 75 47 e o correo electrónico ccordes@comarcasdegalicia.com. O teléfono do Centro Comarcal da Ulloa é 982 38 07 40, o fax 982 38 07 41 e o correo electrónico cculloa@comarcasdegalicia.com.

Por outra banda, o seminario “Recoñecer e combater as pragas e enfermidades dos cultivos” celebrarase nos centros comarcais de Valdeorras, o 9 de xuño de 17:00 a 21:00 horas; de Bergantiños, o 21 de xuño de 10:00 a 14:00 horas; da Mariña Occidental, o 21 de xuño de 10:00 a 14:00 horas; da Paradanta, o 27 de xuño de 16:00 a 20:00 horas; e de Terra de Lemos, o 28 de xuño de 10:00 a 14:00 horas.

O encontro comezará cunha clasificación teórica das pragas e das enfermidades e máis cun apartado dedicado á  “Teoría do control ecolóxico de pragas e enfermidades” no que se darán indicacións sobre como prevelas e como funciona o agroecosistema. As outras dúas partes do seminario serán de carácter máis práctico e destinaranse a explicar como observar as pragas; onde, cando e cal é o material necesario para combatelas; así como a recoñecer as mostras (mesmo as que acheguen os propios asistentes ás clases) e a dar indicacións sobre o control ecolóxico das mesmas.

A formación especializada en materia de produción ecolóxica é unha das liñas estratéxicas do Plan Galego de Desenvolvemento da Agricultura Ecolóxica que impulsa a Consellaría do Medio Rural e que está orientado a consolidar esta produción, aproveitando o potencial do noso País, de xeito que Galiza se converta no referente dun modelo de produción agraria máis xusto socialmente e ao mesmo tempo, ecoloxicamente responsable.