El Correo Gallego

Portada » Hemeroteca Web

pan e coitelo

Moitas grazas, Manolito

XOSÉ MANUEL SARILLE ESCRITOR E PROFESOR   | 10.06.2008 
A- A+

Un rapaz madrileño que se chama Pablo Soto creou un programa de intercambio en internet, polo cal calquera persoa que posúa un disco ou unhas cancións, pode emprestarllas a outras persoas sen que medie lucro ningún. Manolito, que así se chama o novo útil tecnolóxico, é un máis dos moitos que existen na rede, capitaneados pola mítica e benfeitora mula, que tanto pracer e formación nos ten proporcionado ao cabo xa de varios anos funcionando, e que merece monumento, xunto ao mestre de escola, a vaca e o antigo médico humanista.

A rede é un milagre, e os programas de intercambio tamén. Os que somos tolos polo cinema nunca cremos, en tempos pasados, poder ver por exemplo o cinema italiano a feito, sen excepcións, ou o ruso, ou o coreano, sen o filtro monopolizador e apoucador das industrias estadounidenses, impoñendo en todo o mundo o seu produto e o seu gusto e excluíndo o resto das salas comerciais e dos circuítos. Igual que na música, na que esa inmensa comunidade de afeccionados, intercambia gratuitamente, e como consecuencia a capacidade formativa multiplícase e multiplícase. Alguén estaría disposto a non permitir que calquera lle empreste ao veciño un filme porque se ve máis dunha vez? Cal é daquela a diferenza?

Ben sei que as grandes empresas destes sectores denuncian os inventores como Soto, pero non se lle poden poñer portas ao campo. O intento de impedir que a xente intercambie ten algo de pailán. Vostedes imaxinan que os interesados en liberalizar fosen as multinacionais e que houbese usuarios dicindo que é preciso o control, dentro dun medio tan libérrimo? Que dirían eles? Que apelativos usarían? Non se pode ir contra os tempos. Pronto se baixarán instantaneamente as obras, e a discusión será imposíbel nos termos en que hoxe se produce.

Os músicos comezaron a cobrar polas gravacións hai unhas décadas, antes, desde sempre, viviron doutros ingresos, que agora tamén se multiplicaron, e seguirán aumentando, froito das excelentes e coidadas gravacións, da distribución en xornais, dos concertos, da televisión; pero o mundo do intercambio afortunadamente está aí e resulta imparábel.