El Correo Gallego

Portada » Hemeroteca Web

pan e coitelo

Piadas

BIEITO IGLESIAS ESCRITOR E PROFESOR   | 19.06.2008 
A- A+

Alfonso Guerra piou en Telemadrid e deixou moi claro que estaba contra a violencia de sexo pero así mesmo convito de que non hai que axoellarse por "buenismo" diante de calquera muller que se faga a vítima. O ex vicepresidente perdeu a ocasión de propor medidas concretas contra o terrorismo doméstico que o Goberno de Zapatero non toma seguramente por "buenista", tales como o pago de escoltas a todas as ameazadas ou a concesión de licenza de armas a aquelas féminas que viven co pescozo nun talleiro. En lugar de suxerir unha política antiterrorista efectiva neste campo, preferiu agarrarse ao caso dunha señora que pagou un sicario para matar un ex marido, elevando a anécdota á categoría (Tamén é certo que a tele capitalina -frecuentada por friquis como Boadella capaces de colocar unha tourada de José Tomás á altura das obras de Shakespeare- se presta para botar a lingua a pacer). Como se alzasen algunhas voces críticas coas súas opinións, don Alfonso retrucou denunciando o feminismo radical, aínda que ignoramos se entende por tal o furor lingüístico de Bibiana Aído ("miembra" do "gobierno de España") ou ben se refire a certa dama cacereña que lle pasou a faca ao compañeiro sentimental que pretendía baixarlle un machado na cabeza. Por ben que os medios de comunicación queiran persuadirnos de que as lengoretadas do Guerra ou de dona Bibiana interesan aos órgaos vitais da nosa anatomía espiritual, creo máis sensato falar do tempo, desta primavera que vai serenando e limpando os ceos aleados (mestura de pesados metais). O bo tempo trouxo ata a miña terraza un merlo de sotana negrísima e aganado polas faragullas de pan. Tanto se se trata dunha reencarnación de Faustino Rey Romero (sacerdote que escribiu sonetos a este paxaro: "Escolanía de melros"), como se dun herdeiro en miniatura dos dinosauros, a súa inocencia animal reconcíliame co mundo. "O mundo é un cachorriño a suplicarnos que xoguemos con el" (Nabokov).