El Correo Gallego

Portada » Hemeroteca Web

pan e coitelo

La La La, Carmen Marón e Garrido Collazo

XOSÉ MANUEL SARILLE ESCRITOR E PROFESOR   | 15.07.2008 
A- A+

O Concello da Coruña decidiu retirar o contencioso que mantiña coa Mesa pola Normalización Lingüistica por mor do topónimo da cidade. Foron dezaseis anos de pleito, auspiciado polo anterior alcalde, Francisco Vázquez, que non estaba disposto a cumprir o mandato da lei. O concello gastou sumas moi importantes, e todo para nada, porque cada vez que a xustiza foi decidindo, fíxoo a favor da Mesa.

Desde o primeiro momento esta asociación lingüística encargoulle o caso ao avogado Guillermo Garrido Collazo. Foi unha asistencia continuada e alentadora a deste vigués, que coñece ben os códigos e a tenacidade. Toureou de todo, fiscais chegados da Idade Media e estrelas famosas do dereito procedentes da capital do reino, que se puxeron ao servizo desta xeira municipal, merecente de mellor causa.

O caso do topónimo coruñés sobardara o campo lingüístico había moito tempo. O incumprimento convertérase nunha burla da lei, e por extensión das normas democráticas coas que Galiza se dotou ao longo dos últimos trinta anos.

Mais estes son días alegres tamén para a lingua galega, porque os concelleiros que acompañaron a Vázquez cambiaron agora de posición. É óptimo que as persoas evolucionen, e aínda máis se a nova crenza favorece a concordia social. Di o refrán que rectificar é de sabios e canta razón ten.

Pero resultou preocupante, e hai que dicilo, o discurso da concelleira Carmen Marón, antiga vazquista. Aplicouse no pleno cunha vehemencia excesiva en contra do Partido Popular. Este partido é agora o defensor das posicións lingüísticas do embaixador e a señora Marón tirouse á iugular da dereita, proclamando que se debe cumprir a lei, o cal é unha grande e fermosa verdade. Benvido o cargo público á obediencia debida ás normas, mais amosar ese impulso case agresivo cos que ficaron atrás mentres ela se transformaba, dá lugar a un comportamento pésimo.

É difícil concederlles a razón ás persoas que viran tan bruscamente, sobre todo se deciden defender o contrario do que defendían, coa mesma vehemencia e o mesmo talante. É para cavilar. Se lles dá por botarse a correr atrás dun, o recomendábel é saír por patas.