El Correo Gallego

Portada » Hemeroteca Web

pan e coitelo

Rato e Jove están tranquilos

XOSÉ MANUEL SARILLE ESCRITOR E PROFESOR   | 21.10.2008 
A- A+

Cando Rodrigo Rato dimitiu como director xerente do Fondo Monetario Internacional xurdiron moitos rumores sobre as súas intencións. Considerábase que buscaba unha posición de saída para liderar o PP despois do fracaso político de Mariano Rajoy, pero visto desde agora parece que o home só quixo curarse en saúde. Fíxense que estes días até o Ministro de Economía de Senegal, vaia por Deus, pon podre a Strauss Khan, actual xefe do FMI por non evitar a desfeita económica mundial. Rato ao saír limpou o pó da gabardina co mesmo estilo que Amadeo de Saboya cando no paso dos Pirineos, despois de abdicar, proclamou, sacudindo o tres cuartos, que non quería levar enriba do seu vulto nin unha partícula de terra española.

Tampouco é parvo Manuel Jove. Vendeulle a tempo a súa construtora a Fernando Martín por máis de medio billón de pesetas. Comprendía o que ía pasar, mentres o futboleiro nin cheirou a xogada, evidentemente.

Dicía o outro día o Presidente Lula que esta crise foi agochada durante moito tempo, igual que o adolescente lle oculta as notas ao pai. Lula di que viu o crack, porque sobre as hipotecas subprime discutíase desde hai anos e que en ningún momento os líderes involucrados tomaron medidas.

Manuel Jove pode facer coa súa información un pandeiro, porque é o seu traballo particular. Rato e os responsábeis económicos dos principais países non. Sabían o que ía suceder, pero ninguén abriu o bico, ninguén violou a lei do silencio, favorábel aos bancos, naturalmente, e contraria aos intereses dos cidadáns, que agora pagamos os desperfectos da verbena.

Eu non entendo nada de economía. Tampouco entendo que aquí ou en calquera país do mundo, os líderes políticos entreguen o diñeiro das arcas públicas, que aportamos entre todos, ás entidades financeiras, e que non teñamos voto nos consellos de administración. Que mal intrínseco levan inoculados os estados para que non poidan representarnos nas decisións da banca privada, se tamén somos propietarios? Por que ese diñeiro vale menos que o das persoas que invisten en accións de bolsa? O mercado non se regulaba só? Isto non o entende nin a mesmísima FAES.