El Correo Gallego

Galicia » Opinión

pan e coitelo

Cando se ten a alma en guerra

XOSÉ MANUEL SARILLE   | 27.03.2007 
A- A+

Estoutro día entrevistaron na Televisión Española ao socialista Enrique Barón e ao popular José María Gil-Robles, dous veteranos da política europea. Parecía unha charla doutros tempos, porque non amosaron discrepancias. As diferenzas de criterio son necesarias para avanzar, claro, pero é saudábel que algunha vez non as haxa. A aquiescencia é tamén unha celebración da boa vontade, sobre todo nos tempos de consignas agresivas e insultantes.

Preguntáronlles cal fora o personaxe convidado ás institucións europeas que máis lles impresionara e os dous comentaron que François Miterrand no derradeiro discurso perante o Parlamento, no que o presidente francés estaba xa moi enfermo e alí se despediu da vida. Lembraron que aquel día fixo unha confesión sincera e polo tanto rarísima. Miterrand loou a Europa nacida despois da Segunda Guerra Mundial, porque segundo el é a única idea política en toda a historia que non custou un só morto neste feroz continente. Despois comentou que Francia lle fixo a guerra a absolutamente todos os países europeos, "menos a Dinamarca, aínda non sei por que".

Alguén que no profundo da súa conciencia pensa así e que ten tanta experiencia en tratar con semellantes, sabe moi ben que é máis fácil descender pola escada da barbarie que ascender polo camiño da razón e da paz. Sabe que as vellas e gloriosas batallas e os grandes reis son antes de nada munición irracional para novas matanzas. Con Richelieu ou con Fernando el Católico.

Descender é fácil, só cómpre axitar as bandeiras (que son símbolos permanentemente aldraxados, por definición), incitar ao odio, escarvar nas diferenzas e revolver nos instintos da xente. Abonda con acenderse na primeira de cambio, ter debilidade polas guerras e apoialas e xustificalas, sexa no Iraq despois de seiscentos mil mortos, na illa das cabras ou en Afganistán.

Definitivamente estamos mal feitos. Debe ser o malestar do benestar. Vivimos nun espazo privilexiado, as bombas de uranio empobrecido estouran lonxe, non padecemos fame nin andazos, e aínda así hai tipos que necesitan sentirse permanentemente ofendidos. Alguén copula pouco aquí.