El Correo Gallego

Galicia » Opinión

pan e coitelo

Delirio griposo

BIEITO IGLESIAS   | 01.02.2007 
A- A+

Alá atrás, con semellantes trebóns que caían, había que sobrenadar o mundo en batuxo (balsa do Miño lucense); pero nestas últimas semanas chegaron fríos de deixarnos sen tentos, cando non arrebollados na cama febricitados pola gripe. Levo encamado varios días e sen arxil para escribir. Todo empezou cando me parei na esquina de Correos, á face da terraza do restaurante Camilo. Xosé Luís Barreiro Rivas, que pasaba coas mans nos petos, advertiume de que estaba parado no recanto máis frío de Santiago. Fixen de estoa uns segundos, o bastante para que o biruxe que varría a rúa do Franco (semellaba nese momento a rúa de Matacanónigos de Salamanca) lles abrise as portas do meu organismo aos virus oportunistas.

Estomballado no leito, entretívenme lendo números febrís no termómetro e unha biografía de Marcel Duchamp. Este artista, o máis influente do século XX, máis incluso que Picasso (foi precursor da arte conceptual, da pop art, da arte minimal ou da performance), cultivaba un ideal propio do estoicismo ou do budismo zen: a indiferenza, a impasibilidade. Considerábase un respirateur, un ser que respira e ren máis. A empresa de respirar xa xustificaría a existencia. A min tamén me gustaría exercer de respirateur, pero terei que esperar a que remitan os mocos.

Vexo, ao descer das altas cimeiras da cultura á chaira televisiva, que un neno galego (de Bande) paralisado en cadeira de rodas por un accidente, cumpriu o seu soño de visitar o Camp Nou e darlle unha aperta a Ronaldinho. Os nenos necesitan experiencias para poder alimentar a curiosidade, do contrario os seus espíritos estráganse, como os muíños que moen en pedra. Esta clase de rapaces castigados pola desventura a unha idade en que non se pode aceptar a mala sorte, acostuman preguntarse: Hai algo para min tralo horizonte? Alguén me espera? Contestar esas preguntas é tarefa de toda unha vida. Polo de pronto esperábao o malabarista gaúcho, co seu sorriso permanente e feo de raio.

Desculpen estas notas delirantes, as belas letras compangan mal cos antibióticos.