El Correo Gallego

Santiago » El tiempo

vista de paxaro

Bali Rai, un autor británico-asiático en Compostela

SALVADOR SOUTULLO CAROLO   | 07.12.2008 
A- A+

Acaba de saír do prelo un libro de Bali Rai traducido ao galego e editado por Sotelo Blanco. O libro ten por título Un matrimonio ben mal amañado e quere reflectir como viven os Punxabis dentro da India e sobre todo na emigración Britanica. Os Punxabis son unha etnia que esta repartida entre a India e Paquistán, teñen a súa propia cultura rural onde está moi presente o folk, as manualidades, teñen o seu propio idioma? pero tamén é unha cultura que aínda non evolucionou cara á igualdade de xénero, cara á liberdade para casar? sobre todo no eido rural. Como todas non é mellor nin peor cás demais, simplemente é a deles.

Eu tiven oportunidade de facerlle unha entrevista por suxerencia da editorial Sotelo Blanco e do mesmo Olegario Sotelo Blanco. Na conversa, que tivo que ser asistida por un tradutor que facía o seu traballo traducindo o inglés ao galego, Bali explicaba moitas cousas, non paraba de falar e tiña unha xesticulación durante as súas interpretacións moi profunda. Bali é fillo de emigrantes Punxabis da India no Reino Unido. Marcharon cara a alá moita xente Punxabi despois da Segunda Guerra Mundial, as causas son precisamente produto da colonización británica que padeceron. Todo o que naquel momento se chamaba a India (Paquistán incluído), conservaba en moitos sectores unha boa relación co colonizador, con Gran Bretaña.

Foron traballar na Gran Bretaña para facer os traballos que non querían facer os de alí e posteriormente sucedeu un pouco o que sucede en todos os movementos migratorios. El, concretamente, séntese británico-asiático pero di que non quere para nada o pasaporte indio. Segundo as súas palabras non está interesado en retornar a territorio Punxabi, parece ser que aínda non chegaron a pensar nisto seriamente. Estivo en Compostela falando cos raparigos nas escolas por invitación da editorial Sotelo Blanco. En moi pouco tempo falamos de política internacional, da situación deles, do conflito árabe-israelí, de moitas cousas. E ademais estivo en Catalunya, a miña outra patria. Eu non son quen de recomendar nada, ou sexa que non recomendo a súa lectura, simplemente informo aos meus benqueridos lectores de que está aí publicado en galego. O seu libro é de lectura amena e remata cunhas fermosas palabras que eu colguei no meu facebook, traducidas ao catalán e que en galego din así de bonitas: "Pero sexa o que for, faga o que fixer, agora son EU quen decide".