El Correo Gallego

Noticia 1995 de 2001 noticia anterior de Música Inicio » Música

15 ANIVERSARIO

Un concerto de Othon & Tomasini pecha hoxe as celebracións no CGAC

O singular dúo musical greco-italiano clausura unha intensa fin de semana de festexos // Visitas guiadas e aulas pedagóxicas completan o programa

REDACCIÓN • SANTIAGO   | 22.06.2008 
A- A+

C.G.
Integrantes do dúo Othon & Tomasini, que hoxe actúan no CGAC
FOTO: C.G.

O CGAC continúa hoxe coa programación de festexos polo seu décimo quinto aniversario. Desde as doce do mediodía os visitantes que se acheguen ao centro compostelán terán unha oportunidade única de coñecer en profundidade un edificio emblemático da cidade de Santiago de Compostela, obra do arquitecto portugués Álvaro Siza. As visitas, da man do arquitecto Iván Andrés, coordinador de cultura do Colexio de Arquitectos de Santiago, precisan de inscrición previa no teléfono 981 546623 ou no 981 546631.

Doutra banda, e continuando coa xa habitual programación de actividades no tempo do lecer do verán, o CGAC organiza para o día de hoxe unha serie de eventos para nenas e nenos de diferentes idades. De 11.00 a 17:00 horas, Manuel Gómez desenvolverá unha actividade para nenas e nenos de 7 a 9 anos. De 12:00 a 18:00 horas será a quenda de Mirari Urruzola, quen traballará con cativas e cativos de 4 a 6 anos. O actor Simone Negrín, de 13 a 19 horas, impartirá un obradoiro con raparigas e rapaces de 10 a 12 anos. Como nas visitas guiadas, cómpre inscribirse nos devanditos teléfonos para participar.

A intensa fin de semana de festexos no CGAC pecharase mañá cun concerto de Othon & Tomasini no Auditorio do CGAC.

O compositor e pianista grego Othon Mataragas é o novo enfant terrible da escena musical alternativa. Empezou a tocar o piano con apenas catro anos e conseguiu crear un repertorio ecléctico cun toque moi persoal, que chamou a atención de artistas como Marc Almond, Bruce LaBruce ou David Tibet. Pola súa banda, Ernesto Tomasini é un cantante e actor italiano residente en Londres que brilla en diversos xéneros teatrais como a comedia, o canto ou o cabaré. Asemade, cedeu a súa voz en filmes de directores tan coñecidos como James Ivory, Kevin Spacey ou Ridley Scott. Ademais das súas cualidades interpretativas, a voz de Ernesto é única: un poderoso falsete e un fascinante rexistro de catro oitavas e media, convérteno nun intérprete aberto a calquera papel operístico. Xuntos fornan Othon & Tomasini, unha excéntrica parella que hoxe se chega ao CGAC coa súa provocadora e teatral proposta.