El Correo Gallego

Portada  |   RSS - Portada RSS

Editor, escritor e xornalista

Henrique Alvarellos: “Escoito ‘furbo’ e boto a correr”

ENTREVISTOS POR ROBERTO G. MÉNDEZ  | 19.04.2008 
A- A+

-Como foi ese parto, cónteme: necesitou vostede cesárea, ou chegoulle con facerse á idea de que non durmiría nunca máis?

-Hai unha cousa que se chama "instinto paternal" da que falo no libro. Cando ela pariu, eu tamén. Eis a cuestión.

-Un coñecido ten unha pequena variación da frase clásica: cre que na vida hai que ter un fillo, plantar cen árbores e escribir mil libros, pero rematando polo fillo. Vostede que di?

-Todo é sementar. Coas tres cousas gáñase unha especie de inmortalidade. Non importa a orde.

-Escribir un diario de pai é como escribir o diario da viaxe de Scott ao Polo Sur, ou falamos de experiencias moito máis extremas?

-O más cotián pode ser tamén o máis extremo. Que hai máis repetido que nacer e morrer? Este libro é unha crónica íntima, unha reflexión, sobre todo iso: o amor paternal, a ilusión, a perda, en fin.

-Por que o escribiu, confese: en defensa propia, por se todo ía mal, ou para saber cómo repetilo, se ía ben?

-Un escribe como terapia. Para fixar o bo en palabras gratas e tamén para botar fóra o malo, ou sexa, como un exorcismo, vaia.

-Pero isto de ser pai faise ben algu­nha vez, non sendo de casualidade?

-A vida irá dicindo...

-É que somos como profesores, que o son antes de aprender a ser alumnos: un non sabe ser fillo e xa está sendo pai.

-Si. Isto ás veces semella unha fuxida cara a adiante. É un reto.
-A Christina Rosenvinge, a cantante, os fillos aprendéronlle a abrochar corchetes en posturas imposibles; a Manquiña, o actor, que se ti non es Zidane, o teu fillo de tres anos tampouco ten obriga... A vostede a que?

-A tentar apreixar coas mans o chorro de auga que cae da fonte.

-Por que non se edita os seus libros, por certo, vostede que é editor: por non ter que pedirse o favor, ou por non ter que lerse?

-Promocionar e vender os libros escritos por min resultaríame chocante. Editar e escribir son en min dúas cousas distintas, complementarias, si, pero coido que debo mantelas separadas.

-E por que si edita os libros doutros, vostede que é vostede: non haberá xeitos mellores de tirar os cartos?

-Os cartos pérdense ou tíranse cando un traballa no que non lle gusta, cousa, por certo, moi habitual por aí adiante. Neste sentido, eu gaño moitos cartos cos libros.

-O mellor de levar un negocio propio que é, dígame a verdade: non ter xefes, ou ser un?

-As dúas cousas en igual grao de intensidade. Aínda que matizo: si teño xefes: facenda, bancos...

-Dígoo porque di Maruja Torres, ou iso entendín eu, que os xefes son miserables por natureza, e que chegar a xefe é o peor. Non sei se fala só do xornalismo, só de ‘El País’, ou só do mundo en xeral (o mundo planeta). Algo que declarar?

-Eu declárome, como o Pereira de Tabucci, un "anarcoindividualista".

-Tamén Maruja Torres ten unha especie de credo: sé unha persoa e non lle botes a culpa a ninguén. Mellórao vostede, ou isto dos credos é cousa da Torres, e non de xornalistas en xeral?

-Eu, para credos, quedo coa canción de Van Morrison: "No teacher, no guru, no method". Ao xornalismo sóbranlle credos e fáltalle dignidade laboral.

-Róubolles a pregunta aos da Contra de ‘La Vanguardia’, que algo entenden disto: ten atopado algunha verdade fundamental rolando por aí? Que non sexa "Fútbol é fútbol", mellor...

-Cando escoito falar de ‘furbo’ fuxo decontado. Eis unha verdade fundamental.

-Vostede recolleu unha vez nun libro, ‘Galicia en cen prodixios’, o que o título anuncia. Pregúntome se hai prodixio maior que ter inventado o futbolín.

-Si: cómo temos resistido como pobo co autoflaxeladores que somos os galegos.

-O que me leva ao acantilado máis alto do Atlántico norte, que tamén anda por aquí. Isto serve para os suicidios en grupo, ou para que?

-Temos un alto índice de suicidios, isto é un feito real. Mais tamén somos de grandes alturas, como a dese acantilado, cousa boa para o distanciamento necesario.

-Unha última cousa que me inquieta...

-A ver.

-Hai algunha posibilidade, por pequena que sexa, de que Berlusconi non diga máis parvadas?

-Uf. Serán os efectos das súas múltiples operacións (desfeitas) cirúrxicas...