El Correo Gallego

Portada  |   RSS - Portada RSS

ditame

Diego Ameixeiras gaña o Xerais

A novela xeracional "Tres segundos de memoria" válelle ao escritor e xornalista o principal premio da narrativa galega // Agustín Agra faise co Merlín por "O tesouro da lagoa de Reid"s" e Jaureguizar estrea o Fundación Caixagalicia de Literatura Xuvenil con "A cova das vacas mortas"

REDACCIÓN • SANTIAGO   | 11.06.2006 
A- A+

Gallego
Jaureguizar, esquerda, Diego Ameixeiras e Agustín Agra, con cadanseu premio en San Simón
FOTO: Gallego

Cun retrato do desencanto da xeración de mozos nados a finais dos setenta, presentado baixo o lema Tres segundos de memoria, o xornalista e escritor Diego Ameixeiras (1976) resultou gañador do XXIII Premio Xerais de Novela, dotado con 15.000 euros. A editorial celebrou onte pola noite na illa de San Simón a súa gala literaria anual, mantida por Manuel Rivas, e na que ademais Agustín Agra recibiu o Premio Merlín de Literatura Infantil por O tesouro da lagoa de Reid´s, e Santiago Jaureguizar o Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil por A cova das vacas mortas.

A historia gañadora do principal premio da narrativa galega ten como protagonista a un mozo de trinta anos, parado e á espera de que lle chegue a próxima oferta de traballo, que conta en primeira persoa unha vida sen máis obxectivos que o desfrute do sexo. Ameixeiras define o seu personaxe como a un mozo que "pretende ser un cínico consumado e un castigador de manual adicto ás películas de Clint Eastwood, pero só consegue ser un anónimo sentimental ao que todo lle sucede coa música alta e cunha cervexa quente na man". O protagonista de Tres segundos de memoria é para o seu creador "un deses homes carentes de brúxula e aos que lles gustaría nacer muller e por suposto lesbiana".

O xurado integrado polo xornalista e escritor Camilo Franco, a profesora de secundaria Beatriz Nuñez, o libreiro Xaime Nogueira, o funcionario do concello de Vigo Rafael Ojea, a poeta Lucía Novas e o editor Francisco Alonso, decidiu premiar a obra de Diego Ameixeiras polo seu valor como retrato xeracional. Non en van, os que poboan Tres segundos de memoria son personaxes mozos, fracasados, maioritariamente cultos e con estudos pero desenganados e intencionadamente afastados dunha cultura que só os levou a engrosar as filas do paro e a prolongar a adolescencia. Ameixeiras, quen traballa como guionista de televisión, ten publicado en Xerais Baixo mínimos (2004) e O cidadán do mes (2006).

Máis afastado dos círculos literarios semella o gañador do Premio Merlín, Agustín Agra (Noia, 1966), quen onte se definiu como "o Balbino de Neira Vilás: ninguén". Os 7.500 euros cos que está dotado o galardón recaeron nun profesor de bioloxía no ensino medio, que relatou que escribiu O tesouro da lagoa de Reid´s para "facerlle un agasallo polo seu aniversario ao meu sobriño de dez anos". Engadiu que verteu na obra "lendas tradicionais galegas e algo de materia artúrica", construíndo un relato de forte pegada realista.

Finalmente, na primeira edición do Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil, outro xornalista e escritor, Jaureguizar, resultou vencedor cunha "historia sobre a asunción de responsabilidades". A cova das vacas mortas, galardoada con 7.500 euros, conta as peripecias de Xoel, un mozo de Nogueira de Muñiz que vive coa súa nai de orixe alemá nunha comuna de Foxo, lugar abandonado polos seus habitantes para a construción dun encoro. A chegada do avó alemán que colaborara coa cineasta nazi Leni Riefenstahl, e o amor enfrontado coa moza Iria, mudarán a súa vida.

AS CLAVES

Riqueza temática e lectura áxil

O xurado valorou na obra de Jaureguizar "a súa riqueza temática e a súa capacidade de construción dun protagonista adolescente que afronta con valentía os problemas derivados do contorno en que lle tocou vivir". Destaca así mesmo a lectura áxil da novela.

"A esfera na illa", o discurso de Rivas

Todos os asistentes foron obsequiados cun opúsculo titulado O penal das illas de San Simón preparado por Gonzalo Amoedo. Á memoria fixo tamén referencia Manuel Rivas, quen como mantedor do acto pronunciou un discurso titulado A esfera na illa .