Cultura | cultura@elcorreogallego.es
narrativa
Rivas leva á Torre de Hércules a súa novela "Os libros arden mal"
O faro romano e a cidade da Coruña son protagonistas de excepción desta nova achega do narrador e xornalista herculino // O autor logra enlazar a ficción, o "thriller" e o drama con ensaio histórico e crónica xornalística
REDACCIÓN • SANTIAGO | 09.07.2006
O escritor galego Manuel Rivas levou onte á Torre de Hércules da Coruña a presentación da súa última novela Os libros arden mal, por ser esta construción e toda a cidade herculina a paisaxe na que transcorre o libro. A obra enlaza ficción narrativa, "thriller", drama, ensaio histórico e crónica xornalística.
Editado por Xerais, Os libros arden mal introdúcese na vida e na morte a través dunha moza lavandeira e dun posterior lume destrutor. Unha historia que se desenvolve en 1881, dende a morte de George Borrow e un vello anarquista galego chamado Polca.
A linguaxe é a protagonista da novela, pois as palabras forman parte do corpo, dos ollos ou dos dedos dos seus personaxes. A loita entre as palabras feitas para dominar e as palabras esquecidas, entre a linguaxe do poder autoritario e o que sobrevive na penumbra. Así, a novela de Rivas mestura a linguaxe bélica e o falar popular, o dogmático co erótico do entroido.
A obra pretende introducirse a un camiño interior, de intersticios e de inexplicables episodios históricos. A estrutura, en forma de esfera armilar, esta composta por diferentes órbitas nas que os astros, ademais de vidas humanas son os propios libros, os animais, as plantas e as palabras. Unha esfera que aúna multitude de voces, unha escritura encarnizada, sempre en vilo.
O escritor, que o pasado venres asinou exemplares desta súa agardada novela na Feira do Libro de Vigo, escolleu a Torre de Hércules -e o seu barrio natal, Montealto-, que, xunto coa cidade da Coruña, ocupa un lugar sobranceiro en Os libros arden mal, até incluír no seu limiar un mapa cos principais fitos paisaxísticos da urbe coruñesa.

