Cultura | cultura@elcorreogallego.es
arte
Menchu Lamas enche de cor o CGAC con obras dunha década
As pezas incluidas na exposición "A sombra na man. A viaxe das formas" intentaron "rebentar o formato" // A artista viguesa propón na capital galega unha viaxe polo seu imaxinario interior con cadros "inacabados"
REDACCIÓN • SANTIAGO | 09.09.2006
![]() Isaac Díaz Pardo, Dolores Villarino, Ánxela Bugallo e Menchu Lamas, na inauguración da exposición
FOTO: Gallego |
Un percorrido da ollada a través da superposición de cores, das formas xeométricas e das iconas dun imaxinario con vida propia. É a viaxe que propón a artista viguesa Menchu Lamas, que onte inaugurou en Santiago, acompañada pola conselleira de Cultura e Deporte, Ánxela Bugallo, a mostra que acollerá o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) até o mes de decembro.
A sombra na man. A viaxe das formas recolle parte do traballo da artista nos últimos dez anos, malia que, como asegura a autora, cada cadro reflicte unha imaxe simbólica interiorizada e, polo tanto, ten autonomía de seu en relación dos demais. "Non se trata de presentar ciclos completos nin unha visión liñal", afirmou no transcurso da roda de prensa celebrada onte.
A artista convida os espectadores a "rematar de compoñer" a súa obra simplemente coa ollada, agardando que cadaquén entre dentro do "espazo mental da pintura, da liberdade". O fío condutor da mostra baséase nos conceptos da sombra e da man. Non caso do primeiro, como a visita a un "buraco de baleiro". A man, como a "conexión do cerebro", outro xeito de expresar os sentimentos "cando as palabras e as olladas non son suficientes".
Menchu Lamas fala dos elementos que integran os seus cadros como as ferramentas precisas para "rebentar o formato cadro", non que di que están "atrapados todos os pintores". A artista emprega as cores superpostas para trasladarlle ó espectador o efecto que produce o seu funcionamento "por debaixo do que se ve".
Amais, reflicte unha loita xeométrica coa que tenta "quitarlle paixón xestual" sen caer na excesiva frialdade, segundo explica. Lamas concibe a xeometría como unha forma do ser humano de tentar controlar ou espazo. E eses elementos conforman cada unha desas sínteses de formas "coa súa propia vida, co seu corazón".
A obra de Menchu Lamas estará presente de xeito paralelo en Santiago e Milán, ó coincidir a mostra do CGAC con outra exposición na cidade italiana. O Centro Galego de Arte Contemporánea produce en colaboración co Instituto Cervantes e a Galleria Credito Valtellinese esta mostra, que se exhibirá en dúas sedes de Milán até o mes de novembro.
Segundo indicou a artista viguesa, en ambas as dúas exposicións un vídeo conectará a cidade galega coa italiana, a fin de que Santiago estea presente en Milán e á inversa.


