El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Galicia | galicia@elcorreogallego.es  |   RSS - Galicia RSS

sen ánimo de lucro

"A nosa filosofía é de software libre, gratuíto"

Descargalo sae de balde e resulta útil para todos os pequenos, porque controla exhaustivamente os contidos violentos e sexuais e simplifica as teclas

06.07.2008 
A- A+

En canto o informático Iago Seara soubo do traballo de John Lesieur quixo contactar con el. Así, o galego alzouse de motor dun equipo de especialistas que iniciaron o proceso de traducir a aplicación ao castelán. E o fixeron en menos de dúas semanas. "Admiro a filosofía de John porque quere levar o proxecto o máis lonxe posíbel para axudar a canta máis xente mellor. Iso paréceme precioso", apunta Seara. "Agora, despois da traducción ao galego que estamos a preparar, sabemos xa que hai demanda para pasala a portugués e alemán".

O Zac pode ser interesante para calquera neno, pois o filtro que utiliza bloquea contidos violentos, sexuais ou para adultos, unha das maiores preocupacións dos pais á hora de deixar os seus fillos fronte ao computador. "O navegador controla exhaustivamente os contidos por medio dun servidor central e evitamos todas as cousas problemáticas para os nenos", explica Seara. "Tamén lle demos acceso a uns foros nos que os coidadores ou os pais dos cativos poden comentar ideas, preguntar e axudar a mellorar a aplicación". En palabras de John Lesieur: "Estamos tratando de evitar aqueles sitios web que sexan escuros, agresivos visualmente ou moi complicados, porque todo isto ten que ver coa súa propia autoestima. Se eles non senten que teñen o control, frustraranse facilmente"

Así, sen ánimo de lucro e a través de software libre, ofrecen o navegador zac para quen o precise de xeito gratuíto, cunha simple descarga. "O software libre é moi importante cando o que se quere é chegar a moita xente -puntualiza Seara-. Neste sentido, a John insistíronlle en que debía cobrar e moita xente quixo facelo para subvencionar o proxecto, pero el sempre se negou. De todos xeitos, é máis doado cando un dispón dos medios económicos ao alcance porque hai proxectos que carecen dun apoio monetario para sair", puntualiza.