El Correo Gallego

Opinión | opinion@elcorreogallego.es  |   RSS - Opinión RSS

no pasar dos días

SALVADOR GARCÍA-BODAÑO DA REAL ACADEMIA GALEGA

Curros, vivo na memoria

02.03.2008 
A- A+

Este vindeiro venres, darán comezo as conmemoracións do primeiro centenario do falecemento do grande poeta cívico da nosa patria Manuel Curros Enríquez, ocorrido aos cincuenta e sete anos de idade, na Illa de Cuba o 7 de marzo de 1908, a onde se fora de emigrante por problemas máis familiares que económicos. Unha ampla representación da fundación Curros Enríquez, que ten a súa sede na vila ourensá de Celanova, na casa natal do autor de Aires da miña terra, acudirá con tal motivo ata a cidade da Coruña para dedicarlle varios actos na súa lembranza, como se ten anunciado nos medios de comunicación.

Principiarán cunha ofrenda floral no cemiterio do Santo Amaro, no que os seus restos repousaron estes cen anos, logo de seren enviados embalsamados nun barco que zarpou da Habana o 20 de marzo daquel mes, e mesmo se conservan telegramas (entre eles un a Murguía pedíndolle que a Real Academia Galega se encargue de organizar o enterramento e as honras fúnebres. A seguido, visitarase o Centro de Ensino Infantil e Primario Curros Enríquez e, despois, tributaráselle unha sinxela homenaxe ao escritor xunto ao magnífico cenotafio pétreo esculpido por Francisco Asorey que se alza nos xardíns de Méndez Núñez. Como remate, terá lugar unha recepción na Real Academia Galega no transcurso da que a fundación dará a coñecer o nome da persoa á quen se lle outorga o último Premio Celanova Casa dos Poetas.

A Real Academia Galega, pola súa banda, intervirá en varios actos conmemorativos e, singularmente, na realización dunha exposición acerca do bardo celanovés. O día 5 de abril, iniciarase -segundo me informa Xosé Luís Axeitos, arquiveiro-bibliotecario e compañeiro na institución académica- un Roteiro que contará, como extremos do percorrido, no comezo, cunha actuación no cemiterio do Santo Amaro e, como final, cunha intervención diante do grupo escultórico dos xardíns de Méndez Núñez. A exposición será inaugurada na propia Casa dos Poetas, en Celanova, a mediados de abril e rematará a finais de xuño, trasladándoa á Coruña nos meses de setembro e outubro. Coincidindo coa inauguración da mostra, a Real Academia Galega celebrará alí un Plenario e depositará unha ofrenda floral no pedestal do busto enclavado no paseo celanovés.

O escenario expositivo constará de tres focalidades cronolóxicas relevantes, que como di, acertadamente, Axeitos constitúen "a canonización de Curros como poeta cívico nacional". Sublíñanse, daquela, os anos 1904, 1906, 1908 e 1928-34. O primeiro, como data da homenaxe e coroación celebrada na Coruña. O segundo, en relación con Curros como primeiro presidente da Asociación Iniciadora e Protectora da Academia Galega, na Habana. O terceiro, post mortem, o 31 de abril de 1908 co recibimento multitudinario do féretro. E, como coda a información do concurso e execución do túmulo honorario creado por Asorey. Así como a presentación das partituras musicadas de poemas de Curros, o poeta galego ao que a música lle prestou maior atención. Sen esquecer a evocación do centenario, en 1951, do seu nacemento e a referencia informativa á sesión académica celebrada naquel entón, na que ingresaran dous novos membros (entre eles o Xocas) e na que contestara aos seus discursos Ramón Otero Pedrayo. Tamén se inaugurara, en Celanova, un novo monumento coa efixie do poeta, realizado así mesmo polo escultor Francisco Asorey. Xornadas de relembranza. Curros, vivo na memoria. Curros: vento desta terra en liberdade.