El Correo Gallego

Gente y comunicación | sociedad@elcorreogallego.es

entrevista

Sarille: "Todos os partidos teñen a mesma actitude respecto da lingua"

O presidente honorario da Mesa acaba de publicar o ensaio 'A impostura e a desorientación na normalización lingüística' // Un traballo no que fai unha análise do que ocorre co galego desde o comezo da democracia e ata actualidade

J.L./EFE • SANTIAGO   | 16.12.2007 
A- A+

Otto (AGN)
Xosé Manuel Sarille
FOTO: Otto (AGN)

O fundador e presidente honorario da Mesa pola Normalización Lingüística, Xosé Manuel Sarille, cre que "todos os partidos parlamentarios teñen exactamente a mesma actitude con respecto á lingua", cuxa situación é desde o seu punto de vista "alarmante".

Sarille, colaborador de EL CORREO, acaba de publicar o ensaio A Impostura e a desorientación na normalización lingüística, onde expón o debate sobre a situación do galego, en decadencia "moi acelerada nos últimos anos", e analiza as causas.

Respecto a si é unha cuestión de vontade política, Sarille considera que "son varios factores, pero o feito de que non haxa vontade política é algo que se vén repetindo desde hai moitísimo tempo, e esa falta de vontade política ata agora estaba demostrado que non a tiña o partido que gobernaba Galicia, que era o PP, pero, neste momento, ó cabo de dous anos de Goberno, vese que son todos os partidos os que teñen exactamente a mesma actitude con respecto á lingua".

Neste sentido, fala de tódolos partidos, incluíndo o BNG porque "sostén un discurso que non se corresponde despois coa realidade, é unha impostura. Hai un discurso determinado, que é un discurso litúrxico, segundo o cal hai que facer de todo e á hora da verdade, as prácticas non son esas, a práctica é escapar dese problema e deixalo de lado".

Recoñece un proceso de revalorización da lingua, actitudes máis positivas, pero "hai tamén un proceso alarmante de perda de falantes. O problema é que unha lingua é idioma vivo mentres é falada, mentres os pais lles transmiten o idioma ós fillos e ese é o tema que non se aborda".

Subliña que no ensaio fai u­nha análise do que ocorre desde o comezo da democracia, e afirma que "temos un aparello elefantiásico, de centos de persoas dedicadas á lingua, que o que realmente están facendo é estudar o idioma, e non se trata diso". Defende que a súa radiografía é "unha foto da realidade, aséptica", non pesimista, aínda que "se a análise dá como resultado que as cousas están mal, están mal". Recorda que "hai unha caída sostida de falantes, estamos ó borde do desastre, e eu creo que a configuración da arquitectura institucional é errónea", e añade que "os ideólogos do galego son os filólogos, o cal é grave".

Por último, preguntado se ningúen o está facendo ben, di que "pode soar a soberbia, pero creo que non, está fallando todo, e non é nada estraño, é consecuencia do que se está facendo, de cómo se está facendo e do que non se está facendo".

PREMIOS XARMENTA

Para o escritor Manuel Rivas e a Xunta

O escritor galego Manuel Rivas e a Xunta de Galicia resultaron galardoados cos III Premios Xarmenta que concede a Asociación Berciana da Lingua, e que foron presentados nas localidades ourensá do Barco de Valdeorras e leonesa do Bierzo.

O autor de O Lapis do carpinteiro foi distinguido na categoría de personalidade que más esforzos fixo a prol da defensa da lingua galega fóra da Galicia administrativa.

Por outra banda, a Xunta de Galicia recibirá, de xeito conxunto coa Junta de Castilla e León, o galardón que se outorga na categoría de institución que máis colaborou co desenvolvemento e promoción do galego no Bierzo .









Galiofer es un portal de ofertas y descuentos en Galicia. Las mejores ofertas en Salud y Belleza, Hogar, Regalos, Restaurantes, Escapadas...