Galicia Hoxe Radio Obradoiro CorreoTV Tierras de Santiago Anova multiconsulting
El Correo Gallego
Google
Portada
 
atrás Comparte en Yahoo la noticia Susana Fortes e Marta Rivera de la Cruz, Galegas de decembro Comparte en Del.icio.us la noticia Susana Fortes e Marta Rivera de la Cruz, Galegas de decembro Comparte en Menéame la noticia Susana Fortes e Marta Rivera de la Cruz, Galegas de decembro imprimir recomendar Aumentar texto Reducir texto

DICIEMBRE 2006

Susana Fortes e Marta Rivera de la Cruz, Galegas de decembro

31.12.2006 O Grupo Correo Gallego distingue a obra literaria e xornalística destas dúas autoras que compartiron, en diferentes edicións, a final do Premio Planeta ·· Crítica e público amparan o seu traballo narrativo

REDACCIÓN • SANTIAGO

A xornalista, ensaísta e narradora luguesa Marta Rivera de la Cruz, a esquerda, e a escritora e articulista pontevedresa Susana Fortes
A xornalista, ensaísta e narradora luguesa Marta Rivera de la Cruz, a esquerda, e a escritora e articulista pontevedresa Susana Fortes
Susana Fortes (Pontevedra, 1959) e Marta Rivera de la Cruz (Lugo, 1970), dúas das escritoras galegas destes días con maior proxección editorial, finalistas do premio Planeta nas edicións de 2003 e de 2006, respectivamente, foron escollidas, por unanimidade das redaccións de EL CORREO GALLEGO, Galicia Hoxe e Radio Obradoiro, Galegas do Mes de Decembro, un recoñecemento no que se distingue -ademais dunha obra amplamente valorada pola crítica e polo público lector- o seu especial vencello con Galicia, presente sempre no alento da súa prosa, e o seu labor xornalístico en diferentes medios de comunicación.

Vilavedra-Ribanova podería ser a estrada imaxinaria que une os dous universos creativos destas dúas escritoras. Vilavedra, punto de partida, é o lugar no que Susana Fortes ambientou a súa última novela, El azar de Laura Ulloa (Planeta, 2006), "a máis galega de todas" -recoñece a súa autora-, un relato de amores prohibidos e segredos de familia, que implica no seu desenvolvemento o propio Conde de Gondomar. "No meu caso, -explica Susana Fortes-, as novelas parten dunha imaxe concreta e teño unha maneira moi cinematográfica de construír esa imaxe. En El azar de Laura Ulloa esa imaxe foi a dun parto á luz ­dunha palmatoria, unha talla de auga quente e a cabeza dun neno que asoma entre unhas coxas ensanguentadas, é unha imaxe moi gótica...".

Unha tensión necesaria

Susana Fortes vive eses momentos do nacemento dunha novela cunha sorte de "euforia", consciente da posibilidade de "vivir outra vida" que lle outorgan os libros. Confésase debedora, precisamente, dos libros que leu e que imprimiron na súa prosa un ritmo, unha vibración determinada. "Nunca chegarei a escribir nin a cuarta parte dos libros que lin...", asegura a autora de El amante albanés, obra coa que quedou finalista na edición de 2003 do Premio Planeta, gañado naquela ocasión polo chileno Antonio Skármeta. E esa condición de lectora, xustamente, vértese na creación dunhas tramas e duns personaxes que van medrando ao tempo que medra o relato. Esa "tensión imaxinativa permanente" -cando a historia e os seus protagonistas se van filtrando na súa vida cotiá-, considéraa Susana Fortes unha "tensión necesaria" e "unha marca de fábrica". Coas novelas, di, acontece como cos fillos, "non podes amarralos moito nin soltalos, é un equilibrio delicado, no que o que funciona é a intuición...".

A intuición da que fala Susana Fortes desemboca nas terras doutra narradora perspicaz, aguda cronista dos sentimentos e dos latexos da emoción. Esa paraxe ten nome propio: Ribanova, un trasunto do Lugo no que naceu Marta Rivera de la Cruz, finalista na última edición do Planeta coa novela En tiempo de prodigios. Neste libro, Marta Rivera retrata unha relación de amizade e de lealdade interxeracional. Dunha banda, Cecilia, unha moza que acaba de perder a súa nai e rachar coa súa parella, e da outra Silvio, un escritor de novelas, dono dunha existencia de lenda que nunca quixo compartir con ninguén. O compromiso de Cecilia de darlle conversa a Silvio, avó dunha amiga, conclúe nunha fascinante relación na que a protagonista se apoia para reconstruír a súa propia vida.

A novela é unha reflexión sobre o paso do tempo, sobre os nexos familiares e sobre a perda pero tamén sobre a tristura como punto de partida para aceptar a dor.

De familia vénlle a esta luguesa a actividade xornalística. A súa sinatura é habitual nos medios de comunicación audivisuais e escritos e colabora con El País Semanal e co programa de radio Al sur de la semana, da Cadena Cope.

É autora ademais de varios ensaios, como Grandes de España ou Tristezas de amor, e nunca deixou secar ningunha das pólas do seu traballo como escritora. Considérase, si, escritora galega. "En Galicia exista unha literatura galega en galego e unha literatura galega en castelán. Xa sei que hai moitos que se tiran dos pelos cando escoitan isto, pero é unha verdade como un puño", di a última finalista do Planeta.

GALARDÓNS

"Que veinte años no es nada"

Marta Rivera de la Cruz naceu en Lugo en 1970. Conviviu, desde cativa na súa familia, co xornalismo e aos dezaoito anos marchou a Madrid para estudar Ciencias da Información na Universidade Complutense, ­cunha especialidade en Comunicación Política.

Colaborou coa posta en marcha de Espéculo, a revista electrónica do Departamento de Filoloxía da Complutense e foi finalista, en 1996, na segunda edición do premio JB de novela curta, un ano antes de facerse co certame de narración curta Ánxel Fole por La segunda vida de Antonio Benítez Reino. A consagración por parte do público chegou con Que veinte años no es nada (Algaida, 1998), II premio de novela Ateneo Joven de Sevilla, da que se fixeron catro edicións e da que vendeu milleiros de exemplares.

Integrante do equipo de revista Leer, na que abordou temas e nomes da literatura galega, Marta Rivera de la Cruz foi finalista do Planeta 2o06, na mesma edición na que o santanderino Álvaro Pombo foi ganador coa novela La fortuna de Matilde Turpin.

FICCIÓNS

Desde aquel "Querido Corto Maltés"

Susana Fortes, nada en Pontevedra en 1959, licenciouse en Xeografía e Historia na Universidade de Santiago e en Historia de América pola Universidade de Barcelona. Recibiu pola súa primeira novela, Querido Corto Maltés, o premio Nuevos Narradores. Logo, en 1998, publicaría Las cenizas de la Bounty (Espasa Calpe), Tiernos y traidores (Seix Barral, 1999), Fronteras de Arena (Espasa Calpe, 2001), finalista do V premio Primavera de Novela, El amante albanés (Planeta, 2003), coa que foi finalista do LII Premio Planeta 2003 e que xa foi traducida a numerosas linguas, como as súas dúas novelas anteriores.

Na actualidade, e logo da publicación de El azar de Laura Ulloa, Susana Fortes ultima unha novela da que, polo de agora, e por ­unha cuestión de "prevención", prefire non falar.

A CLAVE

Algo en común

As dúas son galegas malia que se expresan literariamente en castelán; as dúas foron finalistas dun dos principais galardóns das letras hispanoamericanas; ambas practican a narrativa e o xornalismo e nas súas últimas novelas está presente a súa peculiar visión do universo familiar.

 
atrás Comparte en Yahoo la noticia Susana Fortes e Marta Rivera de la Cruz, Galegas de decembro Comparte en Del.icio.us la noticia Susana Fortes e Marta Rivera de la Cruz, Galegas de decembro Comparte en Menéame la noticia Susana Fortes e Marta Rivera de la Cruz, Galegas de decembro imprimir recomendar Aumentar texto Reducir texto
Ante cualquier duda, problema o comentario en las páginas de El Correo Gallego envíe un e-mail a info@elcorreogallego.es
Titularidad y política de privacidad. Política de Cookies