Galicia Hoxe Radio Obradoiro CorreoTV Tierras de Santiago Anova multiconsulting
El Correo Gallego
Google
Portada
atrás Comparte en Yahoo la noticia Muller e emigración, unha situación de risco. Por Marcial Gondar Portasany
Comparte en Del.icio.us la noticia Muller e emigración, unha situación de risco. Por Marcial Gondar Portasany
Comparte en Menéame la noticia Muller e emigración, unha situación de risco. Por Marcial Gondar Portasany
imprimir recomendar Aumentar texto Reducir texto

Muller e emigración, unha situación de risco. Por Marcial Gondar Portasany

27.11.2006

MARCIAL GONDAR PORTASANY. CATEDRÁTICO DE FILOSOFÍA E ANTROPOLOXÍA SOCIAL DA USC

Se nos anos 70 tiñamos o problema de analizar como afecta á psique humana lle o desprazamento a unha sociedade e a unha cultura que pouco tiña que ver coa socialización de orixe do emigrante, hoxe, basicamente, o problema preséntasenos ao revés: saber como afecta a volta ao país de orixe a unha persoa que durante o tempo de estadía se resocializou mal que ben na cultura de destino. A emigración de retorno é para nós o problema pendente, sobre todo en dous campos: as mulleres e as chamadas segundas e terceiras xeracións.

Calquera que teña un mínimo contacto cos centros de atención primaria coñece que a demanda feminina por problemas psíquicos é superior á masculina e que, dentro do grupo feminino, unha boa porcentaxe presenta problemas que, directa ou indirectamente, teñen que ver coa emigración e, concretamente, cos trastornos adaptativos que esta xera.

O alcolismo, os intentos de suicidio e o consumo de psicofármacos do colectivo de mulleres relacionado coa emigración alcanza unha porcentaxe superior ao do resto do colectivo de mulleres, razón pola que están sendo consideradas cada vez máis como un grupo de risco.

As descompensacións que experimentan as mulleres relacionadas coa emigración, isto é, as que están emigradas, as que retornan e as que quedan agardando aquí, están provocadas por múltiples factores dos que analizarei os que me parecen máis fundamentais, cando menos a xulgar pola caste de preocupacións que elas mesmas verbalizan cando son sometidas a ‘entrevistas en profundidade’ ou a ese particular ’terceiro grao’ que son os ‘grupos de discusión’.

Entrar neste ámbito implica distinguir, polo menos, tres colectivos: as mulleres que están na emigración, as mulleres retornadas e as mulleres que quedan aquí mentres o home está emigrado. Cada un destes grupos ten, desde o punto de vista do equilibrio emocional, problemas distintos. Para sacalos á superficie utilicei, como xa dixen ao comezo, basicamente dúas estratexias: a ‘entrevista en profundidade’ e o ‘grupo de discusión’.

– Permítaseme presentar, por máis que de xeito moi impresionista, os resultados:

a) As mulleres emigrantes.

As dúas causas máis repetidas de angustia e tensión, tal como elas mesmas as verbalizan nas entrevistas e nos encontros, son:

– A culpabilidade polos celos que ela provoca no seu marido.

– A culpabilidade por non darlles suficiente afecto aos fillos, sobre todo cando estes non están con ela senón ao coidado dos avós.

Chama a atención que a dureza da vida na emigración, a marxinación a que están sometidas por parte da sociedade receptora, as dificultades coa lingua… apenas si aparecen nos comentarios e, se o fan, son verbalizacións bastante vagas e xerais. Cando se lles fai reparar nelas, os comentarios son do tipo: "Fame que espera fartura non é fame".

b) As mulleres retornadas.

– O que máis destaca se se compara co colectivo anterior é que este grupo, máis que culpabilizándose, narra a súa experiencia en forma de acusacións:

– Acusacións á xente da aldea (coa que volven convivir) por ‘pailana’, incapaz de comprender o seu estilo moderno, etc.

– Acusacións á sogra por querer dominala a ela e ao seu marido e non deixarlles autonomía a ningún dos dous e, sobre todo, por roubarlle o cariño dos fillos no caso de que quedasen ao seu cargo. A respecto desta queixa, cómpre non esquecer que cando os pais viñan nas vacacións eran percibidos como unha especie de Reis Magos, agora, cando se impón a vida ordinaria, os roles normais de nai e pai resultan máis difíciles de aceptar por parte dos rapaces.

– Sobrancea neste grupo un forte sentido individualista e, por dicilo cruamente, insolidario cando se lles suxire a posibilidade de enfrontarse como grupo a estes problemas. Respostas do tipo "que se fodan como eu me fodo" poden dar unha idea da dificultade que ten articular calquera tipo de solución, non digo xa cooperativa: nin sequera grupal.

c) As mulleres que quedan.

– Son aquelas "viúvas de vivos" das que xa falaba Rosalía. Neste terceiro colectivo, outra vez volven aparecer as culpabilizacións como experiencia maioritaria. Dúas son as máis sentidas:

– Culpabilidade por estarlle perdendo o afecto ao home.

– Culpabilidade pola incapacidade que senten para xestionar os novos roles nos que se ven colocadas. Nótase isto de forma especial cando teñen que facerlle fronte ao fracaso dos fillos nos estudos ou en calquera outra meta de mobilidade social ascendente que, con frecuencia de xeito utópico, elas mesmas trataron de inculcarlles.

 

***

 

Despois deste percorrido sumamente esquemático polas vidas destas mulleres galegas non urbanas que habitan o campo semántico da emigración, quero considerar algunhas alternativas con capacidade de, polo menos, paliar estas angustias e tensións e, polo tanto, de utilidade dentro do traballo psiquiátrico. Como facilmente se decataría quen lea, estas descompensacións psíquicas teñen unha orixe fundamentalmente social, de aí que a terapia, se queremos fuxir dos parches, teñen que barallarse desde ámbitos alleos aos da medicina oficial, o que, de ningunha maneira, quere dicir que sexa allea ao persoal sanitario. É máis, debemos convencernos, se de verdade se quere dar o paso desde a medicina terapéutica á medicina preventiva, que o persoal sanitario terá que aprender a entrar nesas esferas tradicionalmente alleas.

Dentro desta filosofía, que pasa polo traballo interdisciplinario en equipo, o reto é estudar as posibilidades de poñer en marcha proxectos que palíen esta situación de culpabilización e de angustia estrutural na que están as mulleres, sobre todo as afectadas pola emigración nas súas distintas vertentes. Buscar as posibilidades de xerar un traballo autónomo e digno no que a capacidade de decisión repouse totalmente nelas é o primeiro paso, non suficiente pero si necesario, para ir disolvendo eses contextos de marxinación dos que a consecuencia son esas demandas psiquiátricas das que antes falei.

Por iso, o obxectivo a medio e longo prazo é conseguir que estas mulleres cheguen a desenvolver por si mesmas, e co apoio das distintas administracións, programas encamiñados a xerar emprego en sectores que tradicionalmente nunca ocuparon as mulleres.

De todo este proxecto, só me vou referir aquí ao que poderiamos chamar a filosofía da intervención, que vou resumir nuns cantos puntos case telegráficos:

• Aproveitar o feito de que as mulleres teñen unha maior capacidade ca os homes, a pesar do que elas pensan de si mesmas, para o que poderiamos chamar a planificación realista. Os homes, precisamente por esa situación de privilexio relativo da que gozan, cando retornan da emigración, tenden a adoptar solucións conservadoras como abrir un bar, construír ou rematar a casa nova, mecanizar algo a explotación… A consecuencia para a muller é reproducir, frecuentemente de modo máis intenso, a vella explotación (escrava do bar, baleiramento do rol profesional…).

A muller, normalmente estimulada polo desexo de mellora para os fillos (non se esqueza que os homes son moito menos sensíbeis a este valor,) aspiran a crear espazos novos (piso na vila, traballo urbano…) que son menos propicios para que se reproduza a vella situación de opresión. Esta solución, con todo, non é a ideal. No fondo estamos diante dunha nova emigración con consecuencias ben traumáticas. A solución correcta, no meu ver, pasaría por aproveitar ese espírito innovador pero aplicado ao seu espazo orixinario.

• Neste sentido, penso que é de utilidade un segundo factor: aproveitar os fondos estruturais da UE para dinamizar proxectos en rexións deficitarias, entre as que está Galiza, pero sendo conscientes de que o fundamental non é "dar peixes senón ensinar a pescar" co fin de chegar a autonomizarse desas axudas. En todo este proceso, hai unhas cantas regras que cómpre non esquecer.

• As protagonistas teñen que ser elas. Nos procesos de modernización, unha das queixas máis escoitada na boca dos que fan planeamento socioeconómico é falar da insolidariedade dos galegos e galegas. Cústalles entender que os participantes nestes proxectos non os van sentir como cousa propia se a súa posición nos ámbitos de decisión é a de meros comparsas.

• O punto de partida e o ritmo márcano elas. Un exemplo pode valer para ilustrar o sentido desta regra. Se queremos educar unha persoa no gusto pola música clásica pero do que ela gusta é, supoñamos, Manolo Escobar, o primeiro disco que debemos poñer é, precisamente, de Manolo Escobar e, desde aí, teremos que ir camiñando até chegar a Mozart. Se o técnico que acompaña o proxecto acelera o ritmo, o único que consegue é que os participantes deixen de sentirse protagonistas co que, automaticamente, o proxecto fracasa.

• As solucións que se busquen teñen que ser desde a comunidade e para a comunidade. Como dixen, non ten sentido na situación actual, por exemplo, formar mulleres para que traballen na cidade porque estariamos acrecentando o éxodo rural. É preciso espertar o sentido do valor do propio, entendendo por tal a articulación dos proxectos nas comunidades locais. Para isto, é indispensable xerar unha nova cultura política, especialmente no que respecta ás relacións coas administracións locais, na que a lóxica dos dereitos e da cidadanía termine por impoñerse sobre a cultura do ‘agasallo’ e do ‘favor’.

• Os obxectivos teñen que ser realistas. Se se pretende xerar ocupacións dignas, hai que garantir que o que se produza teña mercado e, sobre todo, que as propostas de acción sexan percibidas como viábeis polas que van ser as súas protagonistas. Non esquecer a regra de ouro da xestión racional, "o óptimo é inimigo do bo", é o mellor camiño para o éxito.

Para levar a bo porto este vademécum de urxencia de como considerar hoxe os problemas psicosociais xerados pola emigración no colectivo de mulleres non urbanas desde unha perspectiva o menos medicalizadora posible é indispensábel tomar conciencia de que hoxe a medicina preventiva está deixando de ser un simple saber humano e pasando a converterse nunha nova relixión que, en vez de liberar a persoa, converte a saúde nunha angustia e nunha carga. Nesta guerra necesaria, os inimigos, entre os que destacan as grandes multinacionais do medicamento, están en camiño de levar as de gañar, pero non por razóns médicas senón económicas e de márketing. Só loitando porque os intereses comerciais non degraden algo tan hipocrático como é a calidade do vivir humano estaremos na vía de poder falar da Medicina como ferramenta para a felicidade e non como un produto comercial máis no circo do consumo que nos está a afogar.

 
atrás Comparte en Yahoo la noticia Muller e emigración, unha situación de risco. Por Marcial Gondar Portasany
Comparte en Del.icio.us la noticia Muller e emigración, unha situación de risco. Por Marcial Gondar Portasany
Comparte en Menéame la noticia Muller e emigración, unha situación de risco. Por Marcial Gondar Portasany
imprimir recomendar Aumentar texto Reducir texto
Ante cualquier duda, problema o comentario en las páginas de El Correo Gallego envíe un e-mail a info@elcorreogallego.es
Titularidad y política de privacidad. Política de Cookies