Galicia Hoxe Radio Obradoiro CorreoTV Tierras de Santiago Anova multiconsulting
El Correo Gallego
Google
Portada
atrás Comparte en Yahoo la noticia Sismos na península. En marcha o proxecto Topo-Iberia Comparte en Del.icio.us la noticia Sismos na península. En marcha o proxecto Topo-Iberia Comparte en Menéame la noticia Sismos na península. En marcha o proxecto Topo-Iberia imprimir recomendar Aumentar texto Reducir texto

investigación

Sismos na península. En marcha o proxecto Topo-Iberia

10.06.2007 Francisco González Lodeiro naceu en Madrid en 1949. De familia galega por parte materna, estudou nas universidades Complutense de Madrid, de Montpellier (Francia) e de Salamanca. Hoxe é catedrático e director do Departamento de Xeodinámica da Universidade de Granada

HENRIQUE NEIRA

O catedrático da Universidade de Granada Francisco González Lodeiro coordina os traballos das universidades andaluzas en Topo-Iberia FOTO: U.G.
O catedrático da Universidade de Granada Francisco González Lodeiro coordina os traballos das universidades andaluzas en Topo-Iberia
FOTO: U.G.
O proxecto máis importante no que está a traballar Francisco González Lodeiro na actualidade chámase Topo-Iberia e ten unha duración de cinco anos, durante os cales máis de cen investigadores doutores de diferentes universidades e centros científicos españois estudarán a relación da topografía e mais da morfoloxía continental terrestre da península Ibérica e a súa relación cos procesos que suceden nas capas profundas da cortiza terrestre.

Isto permitirá construír modelos de estrutura da litosfera –a parte sólida da cortiza terrestre– dunha precisión sen precedentes, así como ver a súa evolución ó longo de distintas fases da historia xeolóxica.

A iniciativa xa está en marcha e conta cun orzamento de 4,5 millóns de euros facilitados polo Ministerio de Educación e Ciencia dentro do programa Consolíder Ingenio. Primeiramente prevé a instalación dunha rede de estacións de medidas dotadas de instrumentos de comunicación baseados no sistema GPS no sur da península e norte de Marrocos co obxectivo de medir a actividade que se rexistra nesa zona da cortiza terrestre tanto no plano vertical como no horizontal. Os grupos participantes das universidades andaluzas serán coordinados polo catedrático da Universidade de Granada.

A instrumentación para a medición sísmica coa que contarán as estacións permitirá rexistrar datos de terremotos locais e rexionais e mesmo doutros sucedidos a grandes distancias. O obxectivo principal, apunta González Lodeiro, "non é predicir futuros terremotos, senón obter a maior cantidade de datos posibles sobre o comportamento da cortiza terrestre".

Nunha segunda fase instalaranse estacións de medida na zona centro de península e tamén se fará o mesmo no norte, onde os traballos estarán coordinados polo catedrático de Xeodinámica Interna da Universidade de Oviedo Francisco Javier Álvarez Pulgar. Calcúlase que en total se instalarán unhas 80 estacións entre a península e o norte de Marrocos.

En Galicia a zona de maior interese para o seu estudo é o bordo mariño pero tamén se lle prestará atención á sismicidade nas provincias de Lugo e Ourense, o mesmo que en Andalucía se mirarán especialmente os datos da provincia de Almería, onde de cando en cando ten lugar un movemento sísmico de certa relevancia.

As características xeolóxicas de Galicia non lle son descoñecidas ó catedrático da Universidade de Granada, posto que participou na elaboración da cartografía xeolóxica da comunidade, tarefa que tamén realizou en distintas zonas do Macizo Ibérico, as cordilleiras béticas e a Meseta. Lembra que en Galicia hai "fallas rotas, fracturadas, pero non son estruturas antigas, senón actuais".

Segundo resume González Lodeiro, o obxectivo final do proxecto é "ver o réxime de movemento na cortiza e coñecer o máis exactamente posible a súa estrutura, e a relación entre a morfoloxía e esa estrutura, e ver como a forma do relevo depende dos procesos que se desenvolven no interior da superficie terrestre".

Trátase fundamentalmente de investigación básica, ou como apunta, de "construír infraestrutura do coñecemento" que logo poida ser útil en sectores como o da enxeñería civil, por exemplo para fixar as necesidades de resistencia antisísmica que deben ter as construción en cada lugar. Así, os datos obtidos poderían usarse para reducir riscos xeolóxicos identificando zonas que sufriron sismos no pasado, e deste xeito poder mellorar o deseño de políticas de uso do solo e o de infraestruturas de todo tipo.

A información conseguida durante os cinco anos de duración de Topo-Iberia permitirá darlle resposta á demanda da comunidade científica española de dispoñer dunha gran base de datos científicos que permita analizar a evolución espazo-temporal –incluso nun intervalo temporal de millóns de anos– da litosfera peninsular, a súa relación coa do resto de Europa e o continente africano e realizar de maneira integrada estudos xeocientíficos multidisciplinares.

Os traballos van ser levados a cabo por persoal das universidades de Oviedo, Barcelona, Autónoma de Barcelona, Complutense de Madrid, Xaén, Granada, Cádiz, Pablo Olavide de Sevilla, Salamanca, Zaragoza e de centros do Consello Superior de Investigacións Científicas, do Instituto Xeolóxico e Mineiro e do Real Observatorio da Armada en Cádiz.

No mundo xa existen outras iniciativas de investigación similares, como os proxectos europeos TopoEurope e EuroArray, e no continente americano destaca o programa estadounidense Earthscope.

 
atrás Comparte en Yahoo la noticia Sismos na península. En marcha o proxecto Topo-Iberia Comparte en Del.icio.us la noticia Sismos na península. En marcha o proxecto Topo-Iberia Comparte en Menéame la noticia Sismos na península. En marcha o proxecto Topo-Iberia imprimir recomendar Aumentar texto Reducir texto
Ante cualquier duda, problema o comentario en las páginas de El Correo Gallego envíe un e-mail a info@elcorreogallego.es
Titularidad y política de privacidad. Política de Cookies