Galicia Hoxe Radio Obradoiro CorreoTV Tierras de Santiago Anova multiconsulting
El Correo Gallego
Google
Portada
atrás Comparte en Yahoo la noticia Os mellores libros de 2009, en galego Comparte en Del.icio.us la noticia Os mellores libros de 2009, en galego Comparte en Menéame la noticia Os mellores libros de 2009, en galego imprimir recomendar Aumentar texto Reducir texto

LITERATURA

Os mellores libros de 2009, en galego

27.12.2009 Varios autores falan dos seus libros favoritos publicados en lingua galega no ano que remata

J. MIGUEL GIRÁLDEZ

Catro das portadas dos libros escollidos polos nosos autores como os máis salientables do ano que agora remata
Catro das portadas dos libros escollidos polos nosos autores como os máis salientables do ano que agora remata
Naturalmente, todas as listaxes sobre o mellor do ano que remata son opinables. Pero esa subxectividade é precisamente o que máis nos interesa. Dalgunha maneira é o mesmo que pretenden algunhas publicacións internacionais, como o Time Literary Supplement, que cada ano pregunta a varios escritores pola súa opinión persoal sobre os mellores libros publicados. Non pretendemos aquí, desde logo, atopar a listaxe perfecta. Simplemente pretendemos reflectir os libros que varios autores galegos atoparon como os máis interesante para eles, como froito exclusivo das súas lecturas. Buscamos, xa que logo, o máis interesante, o más nomeado, de todo o publicado en lingua galega durante o ano 2009.

Para o escritor Suso de Toro, que acaba de publicar Sete palabras en Xerais, estes últimos días do ano, o mellor para el, ou, polo menos, o que máis lle interesou, se resume en cinco títulos: Ouveo, de Allen Ginsberg en Positivas; A cociña de Larpeiros, de Benigno Campos, en Galaxia; A deleiba do mundo, de Amin Maalouf, Ed. Xerais; Sarah Kane, obra completa, en Galaxia, e A noite do moucho, Anxo Rei Ballesteros, tamén en Galaxia.

A escritora Rosa Aneiros, que acaba de ter un ano cheo de éxito e de recoñecemento literario, escolle, pola súa banda,como os mellores de 2009: Valados de Agustín Fernández Paz; Para seguir bailando, de Fernández Naval; Makinaria, de Carlos Negro; A filla do filósofo, de Elena Poniatowska; e Unha mirada de antano. Fotografías de Ruth Matilda Anderson en Galicia".

O escritor e xornalista Santiago Jaureguizar, autor de títulos de éxito con O globo de Shakespeare, cheo de tinguiduras locais e anglosaxoas, fai unha escolla heteroxénea, mesmo provocadora. E xustifica polo miúdo os títulos escollidos. "Eu citaría estas cinco publicacións en galego", di Jaureguizar, O símbolo perdido, de Dan Brown, en El Aleph; O novo supervendas da Factoría Brown non está no meu top five soamente pola súa funcionalidade", asegura o autor, "[o que ocorre é que] cumpre coas expectativas de lexibilidade, ritmo e intriga. Fundamentalmente está como símbolo de anormalidade: é o único best-seller, considerado no seu sentido máis puro, que puidemos ler este ano. A maiores, foi unha editora foránea, El Aleph, quen nolo achegou. Mágoa", remata. "Despois elixiría A deleiba do mundo, de Amin Maalouf", di, coincidindo na escolla con Suso de Toro. "Seica algo avanzamos dende a xeración Nós no que atinxe á súa teima de que as correntes do pensamento de arestora refresquen as nosas costas", comenta. "Maalouf é unha novidade de extremo interese e puidemos dispor dela ao tempo có resto de Occidente. Subliño o esforzo de Xerais, que debería de verse axudado de xeito concreto por Cultura, mais o seu pensamento está en clave xacobea", remata Jaureguízar.

A súa terceira opción é ‘Valados’, de Agustín Fernández Paz. "Dende que nos agasallou con O único que queda é o amor empezan a serme indiferentes os títulos de Agustín Fernández Paz. Digo que me son indiferentes non con desprezo, senón cun orgullo que lle collo prestado. Tras novelas como Aire negro, Corredores de sombras ou Cartas de inverno, o vilalbés xa está na categoría dos indiscutibles. Fernández Paz é o noso maior clásico vivo", di, contundente, Santiago Jaureguizar. Hai outros dous títulos que subliña o autor de O globo de Shakespeare: "Un é Unha historia que non vou contar, de Xosé Cid Cabido. Todo o noso sistema literario camiña nunha dirección, pero o meu explorador favorito decidiu adentrarse na contraria hai uns libros. Cada achega do noso rariño nacional é un coche bomba que guinda polos aires todas as nosas certezas. Cid Cabido vai descubrindo territorios e aos demais non nos queda outra que non perdelo de vista", di coa sinceridade que o caracteriza. E remata a escolla do mellor do ano con Episodios galegos, de Manuel Rivas. "O periodismo literario é un xénero no que baten as présas diariamente, pero Rivas sabe mudar as urxencias en frescura. Contra fin de ano chegounos un novo diario do seu caleidoscopio. O país non deixou de decepcionar durante o 2009, mais Manuel Rivas acerta sempre a amosarnos que os prados están baixo as leiras cubertas de estrume. O mellor é que, a maiores, logra que sorriamos".

O poeta, investigador da literatura e creador Vicente Araguas achega a súa escolla co seu particular sentido crítico. Di: "Para min o libro do ano foi Do sentimento á conciencia de Galicia (Galaxia). A correspondencia entre Piñeiro e Losada. Un libro que nos permitiu escoitar de extranjis a conversa entre dous homes que andaban a cociñar moito do que se governaba na Galicia que tentaba refacerse, non sei. Logo, en poesía, vou citar Erofanía (Espiral Maior) de Yolanda Castaño, outra volta á triloxía erótica dunha poeta cada vez máis recoñecida (e recoñecible). En novela acabo de ler, fascinado, a última de Cid Cabido, Unha historia que non vou contar (Xerais), memoria gloriosa do asasinato dun coñecido conserveiro vigués, nos derradeiros folgos do franquismo. Cousa como "negra", pero que ademais ten o seu aquel de metaliteratura. Un puzle singular. E para tradución, a que fixo Xesús González Gómez de Pelo de cenoria (Laiovento) de Jules Renard. Unha novela tenra e dura, un chisco lírica pero épica, moi ben traducida por un dos nosos meirandes argalleiros. E acabo coa biografía Ramón Cabanillas: Crónicas de desterros e saudades (Galaxia) de Luís Rei. Un libro moi traballado que achega moito coñecemento á vida e á obra dun suxeito singular, poeta excelso e home de mil pezas".

O escritor e xornalista Henrique Alvarellos ten, ademais, a particularidade de ser un editor novo, con moita puxanza na Compostela de hoxe. Home da cultura, singular comentarista da actualidade, Alvarellos amosa primeiro a súa falta de confianza nos hit parade; prefire falar de "cinco títulos que me pareceron bos e/ou significativos para a nosa industria cultural". E a súa escolla é: A cociña dos Larpeiros (Galaxia) de Benigno Campos: a proba de que é posible un best-seller na nosa lingua". Alvarellos sinala tamén a Obra completa de Luís Pimentel (Galaxia): "Un dos grandes poetas nosos. Por primeira vez, a súa opera omnia, en galego e castelán, en edición de Araceli Herrero". A súa terceira opción é para un libro de referencia: o Gran dicionario Xerais. Sobre el di que se trata de "a ampliación de todo un clásico. Imprescindible. Anúnciase en versión dixital para o 2010". Remata Alvarellos con as Cartas de republicanos galegos condenados a morte (Xerais), "un documento inédito, dramático e fondamente humano da nosa historia rescatado polo profesor Xesús Alonso Montero", xunto con O ano do xardineiro (Rinoceronte). Como editor, Alvarellos sinala que "a editorial de Cangas sempre sorprende e enriquece co seu catálogo. O seu último libro traducido é este, de Karel Capek, un dos escritores checos máis sobranceiros do século XX, en tradución de Fernando de Castro García."

A poeta Yolanda Castaño, sempre presente na vida cultural de Galicia, fortemente comprometida coa modernidade, sinala, con brevidade, os seus cinco títulos: "Secesión, de Chus Pato, O pouso do fume, de Dores Tembrás, Lúa do Senegal, de Agustín Fernández Paz, Sol de inverno, de Rosa Aneiros, e Deter o día cunha flor, de Luz Pozo".

Francisco Castro, pola súa banda, prefire facer a súa selección considerando varios xéneros. "En poesía recomendaría, O pouso do fume, de Dores Tembrás", di, coincidindo nisto con Yolanda Castaño. E comenta: "é a primeira obra desta poeta nova que coido que vai ser unha das voces grandes do futuro na nosa lírica. Este primeiro poemario destaca pola súa madurez e polo fráxil e elegante equilibrio que amosan todos e cada un dos seus versos. Había anos, e non esaxero, que un libro de poemas galego non me sacudía con tanta forza." No eido infantil, Francisco Castro escolle Poemas con piruleta, de Carlos Fontes. "É o primeiro poemario para cativos deste poeta de Pontevedra. Un texto delicioso que serve para que os pequechos aprendan algunhas cousas esenciais... Moi ben traballada a música e o ritmo. Delicioso dende moitos puntos de vista. Entre outros, polas magníficas ilustracións de Leandro Lamas.". Tamén recomenda Un conto de cegoñas, de Antonio Ventura. "Este libro é unha tradución. É un gran formato, un libro vertical, o que o converte nunha xoia. Gustoume porque a través dunha conversa entre dúas cegoñas abórdase o asunto de como lles contar aos fillos de onde veñen os nenos. Será porque son pai, pero fiquei namorado deste texto dende que o vin". Ten Francisco Castro, dentro da súa listaxe, un álbum fotográfico, Eu tamén son fonte, de Teresa Moure. Sobre el, comenta: "A pesar da súa aparencia, non é un libro infantil. É unha fantasía lírica arredor do tempo de espera antes de que as mulleres dean a luz. É unha reflexión, poética, arredor da ilusión de quen sabe que vai ser nai e ve a maternidade por todas partes. Tamén está ilustrado por Leandro Lamas quen, para min, é un dos mellores que temos no país, e iso que o nivel é altísimo", subliña. Polo que se refire ao ensaio, o autor escolle As razóns do galego. Apelo á cidadanía, de Henrique Monteagudo. "Trátase", di, "dun conxunto de textos arredor da problemática, terrible, da situación do idioma noso. É un argumentario lúcido de defensa fronte dos ataques dos galegófobos que persiguen a nosa lingua. Un libro pensado que nos obriga a pensar. Diría", remata Castro, "que é un texto esencial para todos".

O escritor e guionista Xosé Cermeño propon estes títulos: "Mecánica da maxia. A ficción e ideoloxía en Cunqueiro, de Manuel Forcadela (Galaxia). "Este libro, di, "amplía o seu ensaio anterior sobre Cunqueiro (Diálogos na néboa). Seguramente o máis novidoso e luminoso do que se publicou sobre Cunqueiro nos últimos anos. Gran debuxo da tensión entre o marco social e ideolóxico e os soños –e renuncias– persoais de Cunqueiro". Nesta mesma liña, tamén recomenda Cermeño Alvaro Cunqueiro: Fotobiografía sonora. (Ouvirmos). "Os lectores poden sentirse un chisquiño decepcionados porque hai poucas fotos de Cunqueiro sen gravata" di, "pero o conxunto (interesantes textos de Rexina R. Vega e César Morán, fotos do álbum familiar, reproducións de documentos diversos e dous cedés con discursos e cancións) forman un libro moi atractivo. E [engado] unha frase de Cunqueiro sobre a súa propia erudición que xustifica o libro enteiro: "Para inventar una erudición hai que tenerla". Para Cermeño é salientable "Os Once, de Pierre Michon (Galaxia). Unha estupenda novela cuase histórica ,
provocadora, divertida, mentireira e escrita con intención de amosar a Historia como o que é: unha construción interesada feita a medida de quen a conta. Chega a nós nunha estupenda tradución, asinada por Dolores Torres París. Para rematar a súa escolla, Xosé Cermeño fala de tres libros máis: O Porquiño, Arnold Lobel (Kalandraka), dentro do eido infantil. O campo, a cidade, os porcos… e todo o que pode pasar cando se limpa un cortello... Asemade, A cociña de Larpeiros, de Benigno Campos (Galaxia)", un dos libros de evidente éxito no ano que remata. Di sobre el Cermeño: "Os libros non son unicamente alta cultura, senón tamén entretemento, utilidade, vida cotiá… e os editores galegos esquecidos con demasiada frecuencia. Este libro é unha resposta moi convincente á pregunta de por que aos galegos nos gusta tanto falar das cousas de comer. Inclúe a mítica receita do polbo cocido sen auga... [E remato con] A Praia dos afogados, de Domingo Villar (Galaxia). Conta una historia ben contada, e todo seguido. E de paso, fala con intensidade dun mundo próximo. O que un lector espera dunha novela e as novelas non sempre lle dan".

Para Agustín Fernández Paz, autor de títulos de moitísimo éxito, a resposta a esta enquisa entre escritores ten que ser "unha resposta incompleta, porque hai libros deste ano que me interesan moitísimo e que aínda non lin, como poden ser as últimas novelas de Cid Cabido e de Suso de Toro, ou o volume co que acaban de premiar a Alonso Montero. Isto é importante aclaralo, porque saen moitos bos libros ao final de ano e a escolla, ademais de subxectiva, é incompleta. [En calquera caso], citaría estes cinco: Sol de inverno, de Rosa Aneiros. Unha novela admirable, da estirpe desas que nos emocionan, que non nos deixan nunca indiferentes, que nos fan comprender mellor a complexidade da vida. Imprescindible". Tamén sinala Fernánde zPaz As razóns do galego. Apelo á cidadanía, de Henrique Monteagudo, un conxunto de ensaios que pretenden ser textos de intervención e debate nesta etapa en que a lingua galega está sometida a serias agresións que tentan desfacer o edificio que traballosamente se foi erguendo ao longo dos últimos vinte e cinco anos. Un texto necesario". Xa no eido da poesía, Fernández Paz subliña Erofonía. Triloxía poética (1995-1998), de Yolanda Castaño (Espiral). "Este é un libro que reúne os tres primeiros poemarios que Yolanda Castaño publicou ao comezo da súa traxectoria poética. Cada un deles, por separado, eran obras do maior interese. Por xunto, comprédese que estamos ante unha obra maior, desas que se agrandan co paso dos anos". O autor vilalbés remata a súa selección con dous libros: Un, Mil cousas poden pasar. Libro 1, de Jacobo Fernández Serrano. "Trátase dun libro dirixido aos lectores máis novos, abondosamente ilustrado polo autor.

Unha fervenza de imaxinación, de situacións e personaxes insólitos", di sobre el. Outro, favorito tamén doutros autores aquí preguntados, é A deleiba do mundo, de Amin Maalouf. "Nestes tempos de crise", comenta Fernández Paz, "en que a globalización neoliberal amosa a súa faceta máis amarga e destrutiva, este ensaio revélase imprescindible. Desde a dobre perspectiva que lle dá coñecer a civilización occidental e a dos países árables, Maalouf traza unha reflexións lúcidas e apaixonantes".

Finalmente, o escritor Xavier Manteiga apostou só por una obra, pero significativa para el entre as mellores do ano: "Sidecar, de Alberto Lema (Galaxia),gustoume bastante. É fresco, áxil e reflicte ben as miserias xeracionais dos trintaleiros. Ademais, o carácter galego aparece ben debuxado, marcando de xeito moi atinado as diferenzas entre a meirande parte dos mozos de hoxe e os seus avós, caracteres destinados á extinción. Convivimos con eles, pero sabémolos dun tempo extinto que, para ben ou para mal, non volverá".

 
atrás Comparte en Yahoo la noticia Os mellores libros de 2009, en galego Comparte en Del.icio.us la noticia Os mellores libros de 2009, en galego Comparte en Menéame la noticia Os mellores libros de 2009, en galego imprimir recomendar Aumentar texto Reducir texto
Ante cualquier duda, problema o comentario en las páginas de El Correo Gallego envíe un e-mail a info@elcorreogallego.es
Titularidad y política de privacidad. Política de Cookies