El Correo Gallego

Lo más » Lo + visto

Cen anos de historia cultural

1969: Nace a revista ‘Chan’

Quixo ser un intento de revista de información xeral que tanto atendía a música como a economía, os deportes como a cultura ou a política internacional

M. VALCÁRCEL  | 03.06.2007 
A- A+

Portada da revista ‘Chan’

Co subtítulo ‘La revista de los gallegos’ aparecía en Madrid a revista Chan, o 22 de febreiro, baixo a dirección do xornalista Raimundo García Domínguez ‘Borobó’, con Jesús Tobío Fernández como subdirector. De periodicidade quincenal, editou un total de 33 números ata setembro de 1970. Tiña unha media de 48 páxinas e era bilingüe, pero con maioría do castelán, con abundantes fotografías, mesmo a color, en portada e interiores. Quixo ser un intento de revista de información xeral que tanto atendía a música como a economía, os deportes como a cultura ou a política internacional. Prestou moita atención á Nova Canción Galega e en xeral ós cantantes galegos do momento, á restauración das toponimias galegas e á reclamación da liturxia en galego (velaí artigos de Bautista Álvarez ou de Isaac Estravís). Coincidiron en Chan varias xeracións de escritores e entre eles estaban Otero Pedrayo, Blanco Amor, "Ben-Cho-Shey", Alonso Montero, Manuel Cerezales, Basilio Losada, Xosé Fernández Ferreiro, Antonio Odriozola, Alberto Míguez, Xesús Cambre Mariño, Fernando Mon, José A. Durán, Concha Castroviejo, o xornalista Perfecto Conde Muruais (con amplas entrevistas), etc. A sección "Poetas do chan" serviu para acoller a moitos grandes poetas de posguerra. Antón Tovar, Novoneyra, José Ángel Valente, Pura Vázquez, Paz Andrade, Casado Nieto, García Bodaño e autores foráneos como Salvador Espriu. Na sección de humor colaboraban con viñetas Siro López, Xaquín Marín, Lavandeira e A. Tomé; varios deles debuxaban tamén naquelas horas para a revista española de humor La Codorniz. A revista foi un revulsivo no mundo cultural da época, case ausente de publicacións galegas, aínda que dende posicións nacionalistas se criticaba o seu carácter bilingüe e ás veces algo folclorizante.

As letras galegas seguían polo seu rego, cunha produción destacada, naquel ano que se lle dedicou o Día das Letras Galegas a Antón Noriega Varela (a Real Academia reeditou Do ermo).

No campo da narrativa aparecían varias obras de interese. Por exemplo, O acomodador e outras historias, de Marcial Suárez Fernández, o gran escritor alaricano aínda que fixo a maior parte da súa obra fóra de Galicia: estes relatos, cheos de humor e tenrura e tan vinculados ás súas raíces, tiveron un relevante éxito de crítica e público. Pola súa banda, Carlos Casares, que era entón docente no Instituto ourensán de Viana do Bolo (que hoxe leva o seu nome), daba a luz Cambio en tres, a súa primeira novela e a súa obra máis experimentalista, pero da que el mesmo renegou despois (só se puido reeditar trala súa morte). Manuel Casado Nieto publicaba Contos que non son contos; Neira Vilas, A muller de ferro, e Fariña Jamardo, os libros Co sorriso nos beizos, colección de contos e anécdotas chusqueiras, e Cando Colás foi á lúa, álbum de debuxos e textos impregnados de filosofía popular, na liña das estampas de Castelao.

No rexistro da poesía encontrámonos con Manuel Casado Nieto, neste caso con Canta de lonxe o corazón do tempo, libro influído pola corriente socialrealista; e dous poemarios moi populares de Manuel María, Versos pra un país de minifundios (Buenos Aires) e Versos pra cantar en feiras e romaxes (Montevideo). Das mesmas datas son os poemas de Xosé Neira Vilas, Inquedo latexar; e a antoloxía Cancioneiriño novo de Compostela, edición en libro dun traballo publicado en 1932 na revista Nós por Filgueira Valverde e que pretendía dar unha visión de Compostela a través da voz dos seus poetas. Na colección Val de Lemos, de Monforte, Celso Emilio Ferreiro publicaba Terra de ningures, unha colección de 16 poemas asinados e datados en diferentes países visitados polo poeta, seis dos cales rematan á súa vez cunha carxa en castelán. Nese mesmo ano Celso Emilio abandonaba o Padroado da Cultura Galega.

VIVA GALICIA CEIBE
Outros libros do ano 1969 foron o volume O que cómpre saber da lingua galega, de Xesús Alonso Montero; a Síntese histórica do século XVIII en Galicia (Galaxia), de Otero Pedrayo; As lendas galegas tradicionaes, de Leandro Carré Alvarellos; Galicia Feudal, de Victoria Armesto, e o Catón Galego, de “Ben-Cho-Shey”. Pola súa banda Cunqueiro publicaba en castelán (Ed. Táber de Barcelona) El envés, artigos xornalísticos, e La cocina cristiana de Occidente, e en Destino saía Un hombre que se parecía a Orestes. Da mesma andaina son os volumes Castelao artista, de Luís Seoane, publicado en Buenos Aires (Ed. Alborada) e a primeira edición en Galaxia dos Cincoenta homes por dez reás, do artista rianxeiro.

O profesor Alvar editaba Las once cantigas de Juan Zorro (Universidad de Granada) e Bernardino Graña engadía á literatura xuvenil o volume O león e o paxaro rebelde, que gañara o concurso de Contos Infantís O Facho dese ano. Na revista Grial aparecían publicadas pequenas pezas teatrais como A lagarada, de Otero Pedrayo; Aucto de como Santa María foi levada aos ceos..., de Filgueira Valverde; e Non haberá guerra de Troia, de Jean Giraudoux, traducida por X.M. Beiras e X.L. Franco Grande. En Lugo publicábase a zarzuela galega ¡Non chores, Sabeliña!, de Xosé Trapero Pardo, con música de Gustavo Freire. 

Os cantantes de Voces Ceibes seguían coas súas actuacións Galicia adiante, moitas delas prohibidas, e Andrés Dobarro publicaba o seu primeiro disco (O tren). Na chamada Misa de Rosalía, en Santiago, oíase tamén por vez primeira un berro de “Viva Galicia Ceibe” por parte de Xaime Illa Couto, polo que foi detido, mallado a porrazos e tirado no chan.

Tamén en Santiago Jesús Couceiro Rivas fundaba na rúa de San Pedro a Libraría Couceiro, especializada en libro galego e portugués.

Ferrol Diario
Tamén en 1969 se fundaba o xornal Ferrol Diario e a revista Abrente, dirixida por Manuel Chamoso Lamas, da Real Academia de Belas Artes Nosa Señora do Rosario. Outras institucións fundadas daquela foron o Ateneo Ourensán; o Cineclube Carballiño; a Agrupación Galicia Social; e a Agrupación Cultural Abrente, en Ribadavia, que tería un papel motor na historia do teatro galego.

En Berna (Suíza) creábase un Centro Galego e na Habana (Cuba) o Instituto de Literatura e Lingua, sección galega da Academia de Ciencias de Cuba. En Mondoñedo inaugurábase o Museo Catedralicio e Diocesano e en Compostela creábase o Arquivo Universitario. Nesta última cidade nacía tamén a Homenaxe ás Bandas Galegas, impulsada por X. L. Bernal, e en Pontevedra púñase en marcha a Bienal de Arte, que segue a celebrarse hoxe.

En agosto nacía A Voz do Pobo, voceiro do Partido Comunista Galego (PCG), e o Consilium de Liturxia da Igrexa Católica declaraba o idioma galego como lingua oficial litúrxica.

En 1969 morría en Madrid Virxinia Pereira, a viúva de Castelao, e en Santiago o crego e escritor en galego Paulino Pedret Casado; tamén falecía neste ano o arquitecto coruñés Antonio Tenreiro Rodríguez, autor de edificios coruñeses como o Banco Pastor, a Casa Barrié ou as escolas universitarias.

Dos nacidos nesta quinta, subliñemos as escritoras Teresa Moure, nacida en Monforte; a poeta Maite Dono, en Vitoria, e Ana Baliñas, coruñesa. Tamén o actor e director teatral Fernando Dacosta, ourensán; o fotógrafo Xulio Villarino (Fazouro, Foz); a xeógrafa coruñesa María José Piñeira Mantiñán; os músicos e compositores Xabier Díaz e Sergio Moure, coruñeses os dous; o futbolista Fran González, e os artistas e debuxantes Carlos Rial, Andrés Pinal, Fernando Ruibal, Diego Santomé, Arturo Reboiras, Manuel Aramburu, José L. Andújar Matalobos e Manuel Vázquez Paz.