El Correo Gallego

Lo más » Lo + visto

DEFENSA DA LINGUA DE NOSO

Ben-Cho-Shey contra a diglosia

MARCOS VALCAREL  | 06.07.2008 
A- A+

GH
Ben-Cho-Shey coa filla de Rosalía, dona Gala, e ó carón de X. Fernández e dona Fita
FOTO: GH

A constante que mellor define toda a andaina vital de Xosé Ramón e Fernández-Oxea, coñecido popularmente como Ben-Cho-Shey é o seu compromiso constante, durante moitas décadas da súa vida, en defensa da lingua galega. Utilizando como plataforma a prensa escrita, BCHS asinou centos de artigos, unha boa parte dos cales tiñan como centro a exaltación do noso idioma e a crítica a aqueles que o perseguían ou desprezaban. Nesa campaña permanente BCHS apelou a todo tipo de argumentos e recolleu toda a liña de defensa que dende o século XIX foron establecendo tantos escritores e xornalistas arredor da causa da lingua. Así, os seus artigos refugaban a condición dialectal do galego e o reivindicaban como idioma de seu; recorrían o seu glorioso pasado histórico e literario e, ademais, criticaban, moitas veces desde o humor e a ironía, as actitudes do señoritismo que refugaba da propia lingua e os comportamentos diglósicos dos cidadáns e tamén das autoridades. Así o fai en "Vaites co señorito", un artigo de 1950, premiado en Buenos Aires:

"A cousa parece fatal e irremediable: de vez en cando xurde un señorito sin moito que facer e ganas de chamar sobre si a atención dos demais e en vez de porse unha desas camisas detonantes, que agora levan os "snobs" e das que foi un precursor o "Divino Hojalatero", dálles por agarrar a pruma, do xeito dunha vasoira, e póñense a esbardallar. ¿Contra que? ¡Pois contra que había de ser, meu santo!, contra do idioma galego, que é o que ten a culpa de cantos males ocorren na nosa terra, dende o esgarabello da pataca ata a falla das sardiñas, que foxen das nosas costas por non escoitar falar en galego ós mariñeiros. O día que saían ó mar falando en señorito, ás sardiñas caeráselles a baba e meteranse nas redes feitas unhas parviñas e dicindo pró seu escamallo: "Istes si que son mariñeiros cultos e non os que falan esa xerga do galego" (Faro de Vigo, 13-12-1950).

Alonso Montero, na súa breve biografía-semblanza deste autor (Ir Indo, 1996), recolle as gabanzas dos seus contemporáneos, dende Xosé María Álvarez Blázquez ata Ramón Piñeiro, arredor dunha figura considerada por excelencia o mellor paradigma dos "bos e xenerosos". E insubornable na causa do galego: só falaba castelán cando non lle quedaba máis remedio, dixo del Ánxel Fole.

BCHS xa reclamaba a escola en galego e o bilingüismo para os nosos nenos nos anos 30:"O lingoaxe nas escolas" (A Nosa Terra, 20-12-1935). Nalgúns temas concretos chegou a ser teimudo e, se se quere, repetitivo por necesidade. Velaí os seus artigos constantes en defensa da toponimia tradicional das rúas, cunha campaña en 1968 dirixida ó entón concelleiro de cultura, Manuel Blanco Guerra, para que a cidade recuperase os seus nomes galegos no nomenclátor. O mesmo pode dicirse da súa insistencia obsesiva en rescatar as toponimias galegas de pobos, cidades e ata lugares (o que hoxe chamamos microtoponimia), refugando con críticas moi duras os usos castelanizantes dos nosos topónimos ou os absurdos que derivaban ata o castrapo. Estas campañas na prensa foron logo seguidas de actos públicos na Auriense ou de adhesivos reivindicadores das nosas toponimias correctas, como ben lembran Carlos Guitián e outros galeguistas que participaban activamente nestes. Moi cedo, xa a mediados dos 60, pasouse á intervención activa, loxicamente clandestina naquel momento, contra os propios carteis indicadores e sinais de tráfico, devolvendo ó galego formas castelanizadas como Seijalbo, Sandianes, Carballino ou Ginzo.

O Vaticano II
Galeguismo e catolicismo, amor á Terra e a Deus e ós nosos semellantes, son dúas claves inseparables da personalidade de BCHS. Por iso nos anos 60, o noso autor publicará unha chea de artigos dirixidos á Igrexa, algún mesmo a algún cardeal en concreto, pedindo que esta institución apoie a causa do galego e cumpra cos ditados do Concilio Vaticano II:
“O certo é que en Galicia falan o galego os labregos, os mariñeiros e os traballadores vilegos e cidadáns, que representan a tres cuartas partes da poboación total, en contra dunha terceira parte escasa de señoritos vilegos que, ou son bilingües, ou non o falan. Pois ben, si a eirexa refuga o emprego do galego na Liturxia asegún manda o Concilio Vaticano II, somentes por este feito pasa a tomar unha posición clasista e deixa de ser católica ou universal pra pasar a ser a Eirexa dos ricos, dos señoritos e dos que mandan” (“A lingoa morta”, Correo de Galicia, Buenos Aires, 5-10-1966).
Nesas mesmas datas (1965), a Unión do Pobo Galego saca un documento clandestino titulado “Acusamos”, no que denuncia a posición da xerarquía eclesiástica: “o feito de proscribir o galego da liturxia é un grilón máis da cadeia da ignominia da nosa Historia”. Pouco tempo despois, arredor de 1967-1968 permítense as primeiras misas en galego en Ourense, Vigo e noutras cidades galegas.
O galeguismo de BCHS era tan radical como auténtico e vivido día a día. Un exemplo. En 1955 celebra a primeira comuñón da súa filla María Isabel Ramón Algarra e con ese motivo dedícalle un orixinal sonetario con versos de X.Mª Álvarez Blázquez, F. Bouza Brey, R. Cabanillas, R. Carballo Calero, Augusto Casas, J. Díaz Jácome, A. Gómez Ledo, Ángel Johan, R. Otero Pedrayo e Victoriano Taibo: nunca ninguén convocara tantos poetas nun acto semellante! Por certo, á filla non lle gustou o agasallo segundo consigna BCHS nun xeito de diario que escribía en axendas usadas: “se soubese o dano que me fai...”, escribe o santo galeguista da reacción da súa filla aquel día.

O fillo de Don Pío
Xosé Ramón Fernández-Oxea nace en Ourense o 5 de abril de 1896. Era fillo de don Pío Ramón y Ogea (Allariz, 1869-Ourense, 1943), mestre exemplar que fundou a Asociación Provincial do Maxisterio de Enseñanza Primaria, director do “Boletín del Magisterio” (1906-1912), e portavoz do Partido Galeguista na Deputación Provincial  entre 1934 e 1936. Entre 1906 e 1915, o fillo Xosé fai os estudios de bacharelato no Instituto e a reválida de mestre de ensino primario. En 1921 é destinado á guerra de África desde onde envía crónicas a La Zarpa asinadas co pseudónimo Ben-Cho-Shey. Obtén logo o título de Mestre Nacional na Escola de Maxisterio de Madrid e ingresa por oposición no corpo de maxisterio en Cariño e en Santa Marta de Moreiras. Realiza estudos de Pedagoxía especial en Francia e Bélxica, pensionado polas deputacións, e casa en 1931 con Isabel Algarra (de Linares, Xaén). En 1934 ingresa por oposición na Inspección de Primeiro Ensino, coa que terá destinos en Lugo, Cáceres e Toledo. En 1936 era o presidente do Partido Galeguista en Lugo, sendo tamén candidato nas eleccións de febreiro dese ano; en xullo é suspendido de emprego e soldo e un ano despois destinado á inspección de Cáceres. En 1943 é nomeado correspondente da Real Academia Galega e tres anos despois da Real Academia de la Historia. En 1951 trasládase por vontade propia á Inspección de Toledo, cidade máis próxima a Madrid onde ten o domicilio familiar, xubilándose en 1966. A súa presenza en Madrid foi un soporte fundamental para o galeguismo da emigración e  grupos literarios como Brais Pinto ou, máis tarde, no Clube de Amigos da Unesco. Foi homenaxeado en 1968 da man de Otero Pedrayo, Alonso Montero, Blanco Amor e Celso Emilio Ferreiro e en 1977 no Ateneo ourensán. A Deputación ourensá adquiriu neses anos a súa Biblioteca, de enorme riqueza en fondos bibliográficos, epistolares e hemerográficos. Morre en Madrid o 2 de maio de 1988; catro días despois foron enterradas as súas cinzas no noso camposanto ourensán de San Francisco.