El Correo Gallego

Lo más » Lo + visto

Cultura financiou con 120.000 euros os traballos arqueolóxicos

Escavacións arqueolóxicas desvelan a estrutura do Castelo da Lúa, en Rianxo

14.11.2007 
A- A+

Unha escavación arqueolóxica financiada pola Consellaría de Cultura e Deporte vén de sacar á luz a estrutura do Castelo da Lúa, en Rianxo. Os restos das murallas, a torre, o foxo e as dependencias interiores xa son visibles.

A actuación permitiu mellorar o coñecemento sobre os restos desta fortaleza, adoptar primeiras medidas para a súa consevación e facilitará os traballos de posta en valor que Cultura acometerá ao longo do 2008, cunha nova partida orzamentaria.

O departamento que dirixe Ánxela Bugallo financiou con 120.000 euros estas escavacións centradas na fachada dianteira da fortaleza e no espazo existente entre a segunda muralla e o foxo. Ademais, limpáronse e revisáronse as estruturas descubertas en anteriores campañas.

Posta en valor

Cos datos obtidos, a Consellaría de Cultura está a elaborar un proxecto de consolidación e de posta en valor para que o Castelo da Lúa poidan ser facilmente visitados e comprendidos. Desta maneira, estes restos arqueolóxicos servirán para coñecer o pasado da vila á vez que se converterán nun dos actrativos desta vila.

No seu conxunto, a fortaleza tiña unha forma trapezoidal, adaptada á configuración do promontorio rochoso no que se situaba. Arredor do castelo había unha muralla exterior, hoxe desaparecida, que bordeaba o cantil inmediato á liña de costa e que ao sur estaba reforzada por un foxo de acceso. Detrás desta primeira muralla había unha segunda muralla interior, presidida por unha torre central complementada por dous baluartes laterais. Ao seu abeiro situábanse as dependencias comúns e os servizos do castelo, entre os que estaban un forno para cocer material cerámico.

Restos cerámicos e moedas

Precisamente, durante os traballos apareceu abondoso material cerámico tal que olas, cuncas, vasos, xerros, botellas, potes e testos, que ilustran as diversas actividades e as rotinas de vida das persoas que habitaron o castelo. Os tipos de restos cerámicos tamén amosan as diversas épocas nos que se habitou o castelo: a cerámica gris medieval propia da alfarería galega dos séculos XI ao XIII e a cerámica acastañada e ocre, empregada a partir do século XIII, na que figuran ilustracións.

Tamén se atoparon algúns restos cerámicos importados do estranxeiro, con decoración vidrada e esmalatada de tonalidades verdosas. Por último, o persoal investigador tamén recolleu oito moedas, que serán limpadas para o seu estudo.

Historia

Durante a construción do paseo marítimo no ano 1.999, apareceron os restos deste castelo do que había constancia histórica da súa existencia. Probablemente foi erixido no século XIII por Paio Gómez Chariño e máis tarde pasou a formar parte do patrimonio da Orde do Temple e despois do da Mitra Compostelana. Foi derrubado polos Irmandiños arredor do 1.465 e reedificado novamente por Suero Gómez de Soutomaior.

As novas conservadas sinalan o 1.480 como o ano no que foi novamente derrubado polo gobernador real Fernando Acuña. Desde entón e até 1.532 as ruínas do castelo foron empregadas como cárcere, até que nese ano a súa xurisdición pasou ao arcebispo Alonso II de Fonseca, novo señor da zona. Porén, a fortaleza quedou arruinada e as ruínas foron espoliadas para realizar no ano 1740 o campanario da Igrexa de Santa Comba de Rianxo, así como distintas construcións na comarca e arredores.