El Correo Gallego

Lo más » Lo + visto

MUSEO

Investimento de 2 millóns de euros para rehabilitar a telleria da Baiuca de Boimorto

Fernando Blanco visitou esta mañá as obras de rehabilitación da antiga fábrica de tellas, que tamén albergará un albergue de peregrinos do Camiño Norte

25.06.2008 
A- A+

A Consellaría de Innovación e Industria está a executar a rehabilitación da telleira da Baiuca, no concello de Boimorto (parroquia de Boimil), un importante conxunto industrial con singular valor arquitectónico e etnográfico, activa dende finais do século XIX e abandonada hai unha década. O proxecto abrangue a musealización do proceso de fabricación de tellas e ladrillos, unha oficina de información, un albergue de peregrinos, cafetería e unha sala de usos múltiples. O titular de Innovación e Industria, Fernando Blanco, acompañado polo xerente da SA de Xestión do Plan Xacobeo, Ignacio Eguíbar, e pola arquitecta responsábel da primeira fase do proxecto, Silvia Díaz Castelao, visitou esta mañá a telleira, que ten máis de 4.350 metros cadrados edificados e en cuxa recuperación a Consellaría investirá 2,2 millóns de euros.

Esta primeira fase das obras, á que se destina un investimento de 689.910 euros, consiste na recuperación e consolidación da estrutura e da cuberta da fábrica, actuacións que se prolongarán ata o cuarto trimestre de 2008. A finais deste mesmo ano comezará a desenvolverse a segunda fase do proxecto, cun orzamento previsto de 1,5 millóns de euros que permitirá executar a construción e licitación das obras do albergue nun edificio anexo, a musealización do proceso produtivo da fábrica, para o cal se rehabilitarán 4 fornos, 2 secadoiros e diversa maquinaria aínda presente no inmoble, así como a construción da cafetería, dos aseos, da oficina de información e da sala polivalente. O departamento dirixido por Fernando Blanco prevé a entrada en servizo deste conxunto etnográfico e turístico nos últimos meses de 2009.

A Telleira de Baiuca constitúe o mellor exemplo para ilustrar a evolución dos procesos fabrís de Galiza dende unha produción tradicional e artesanal cara a unha produción industrializada. Nesta fábrica mantívose unha produción continuada durante catro xeracións dunha mesma familia, o que nos permite documentar as transformacións que se dan no proceso produtivo da fabricación de tella e ladrillo dende finais do século XIX ata finais do século XX.

Como resposta a esta evolución da produción, o complexo actual da Telleira da Baiuca consiste nunha sucesión de ampliacións sobre o inmoble orixinal, que contaba cunha superficie moi inferior á actual, ampliacións que xorden como consecuencia de diferentes necesidades (de adaptación ao mercado, de adaptación ás novas tecnoloxías...). Este espazo é tecnicamente coñecido como o “bosque de tellas”, xa que se trata de “troncos” ou postes de diferentes materiais (ladrillo, madeira e formigón) que elevan as súas “pólas” (trabes e tesoiras de madeira) para cubriren finalmente o espazo as “follas” cerámicas ou tellas.

Dentro deste bosque de tellas, como recolle a memoria do proxecto arquitectónico, atópase unha paisaxe variada, conformada por fornos e secadoiros en penumbra ou semipenumbra e áreas de secado e de transformación do material caracterizadas por unha grande apertura e luminosidade, todo isto estruturado mediante unha serie de canles subterráneas, condutos de auga nuns casos e de aire quente noutros.

O Camiño Norte
A Telleira da Baiuca localízase no trazado do Camiño Norte, ruta que está a experimentar un incremento de viaxeiros. En 2007, o medre de peregrinos que pernoitaron nos albergues públicos foi un 29% máis que o ano anterior. Paralelamente a este incremento, a Consellaría realizou obras en albergues, en elementos patrimoniais e no propio camiño por valor de 1,4 millóns de euros en 2006 e de 2 millóns en 2007. Neste ano 2008, o departamento dirixido por Fernando Blanco destinará un orzamento superior aos 2,3 millóns, con actuacións relevantes no mosteiro de Sobrado, en diversos inmobles da cidade de Mondoñedo, como o Centro de Interpretación do Camiño Norte, que foi inaugurado onte, e o propio proxecto da Telleira de Boimorto. Un novo albergue de peregrinos neste concello, pola súa banda, contribuirá a conseguir o obxectivo marcado pola Consellaría de aquí a 2010 e que pasa pola posta a disposición dos peregrinos dun albergue público, como mínimo, cada 20-25 quilómetros en todas as rutas a Compostela.