Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

José Peña , o primeiro galego en Hollywood

Houbo un tempo, antes de que se popularizasen as técnicas da dobraxe no cine, en que Hollywood rodaba simultaneamente varias versións das súas películas, unha con actores angloparlantes, e outra, con profesionais que falasen outra lingua, normalmente, o castelán. Corrían os anos 30 e a chamada dos Estados Unidos atraeu moitísimos actores españois e suraméricanos á Meca do cine. Entre eles, estaba José Peña Fraga, alcumado ‘Pepet’, un coruñés que traballou moito como actor de elenco e que chegou a aparecer en 34 filmes da época. Posteriormente, rodou en México con Luis Buñuel

O tópico de que hai un galego en todas as partes é unha esaxeración... moderada. Aínda non se comprobou que haxa ninguén do país vivindo na lúa, pero si que hai algún na NASA (o astronauta Frank Caldeiro, fillo de emigrantes) e noutros lugares inverosímiles como Hollywood. Xa é sabido que o pai de Martin Sheen, protagonista de Apocalipse Now, é de Salceda de Caselas (Pontevedra), pero moito antes de que o capitán Willard visitase a xungla de Vietnam, xa outro galego se lucira na Meca do cine.

Trátase de José Peña Fraga, alcumado Pepet, un coruñés, con formación de cómico, que gañou a vida como actor de elenco no Hollywood dos anos 30. Sábese moi pouco da súa carreira anterior, só que tivo os seus comezos en España e que, tras o decaemento do chamado Hollywood hispano, mudouse a México a explotar os seus dotes de comediante. Alí rodou Ensayo de un crimen, de Luis Buñuel, e El analfabeto, de Mario Moreno, Cantinflas, e chegou a escribir guións.

A súa estadía nos EEUU está ben documentada nos estudos sobre a etapa hispana do cine norteamericano e a súa carreira apareceu reseñada recentemente na revista La Encina, unha publicación cultural editada na vila de Quintanar de la Orden (Toledo). Dentro dun artigo sobre Romualdo Tirado, natural de Quintanar e tamén actor español no Hollywood dos 30, decatase a figura de Pepet como "o máis activo dos españois en Hollywood". Segundo José Fernández Rodríguez, impresor e experto en cine clásico do século XX, a de José Peña Fraga é unha figura moi descoñecida, a pesar de que tivo unha moi extensa actividade profesional, talvez porque nunca conseguiu un papel protagonista.

Só dous actores foron máis activos

Aínda así, Pepet fixo 34 películas nos escasos 10 anos que pasou en Hollywood. Só Romualdo Tirado, con 36 e Carlos Villarías, con 35, superan esta marca entre os actores do Hollywood hispano.

O seu nome pódese atopar en Internet Movie Database, que confirma que o seu debut se produciu en 1930, na película Charros, gauchos y manolas, xa en Estados Unidos, e que dende ese momento non deixaría de rodar con estudos como Paramount, Universal ou Warner Bros. José Fernández explica que, debido ó seu gran traballo e á súa rede de relacións sociais, conseguiu un posto de traballo fixo como actor de elenco na 20th Century Fox, o que non lle impediu seguir traballando ocasionalmente para outros estudios.

O seu último traballo no mítico Hollywood foi El Rancho del Pinar, en 1939, xa nunha época na que as técnicas da dobraxe minaran moito a industria de películas en castelán. Pouco despois marcharía a México, deixando tras del un longo ronsel de traballos.

Un rostro habitual en romances e aventuras

Entre os moitos títulos nos que se viu o rostro de José Peña, a maioría caen no espírito de entretemento e aventura, sen moitas pretensións artísticas, que marcaba a produción hollywoodiense da época. Bos exemplos son El dios del mar, ¡Hola, Rusia!, La Mujer X (que tivo un remake nos anos 60, con Lana Turner), El Pulpo Humano, Rosa de Francia, El crimen de medianoche ou Capitán Tormenta. Pepet tamén traballou moito no xénero da comedia romántica, en obras como El tenorio del harem, Yo, tú y ella, Granaderos del amor ou Mis dos amores.

Pero, talvez, a película máis significativa na que apareceu este coruñés na súa época nos EEUU foi Angelina o el honor de un brigadier, un filme baseado nunha obra de Enrique Jardiel Poncela, en cuxo guión colaborou o propio dramaturgo.

Tras o desmantelamento do Hollywood hispano, Pepet estivo un tempo sen traballar no cine, ata que en 1944, rexurdiu en México con Escándalo de estrellas. O seu último filme coñecido é 5 de chocolate y 1 de fresa, de 1968.

O Hollywood hispano
Coa chegada do cine sonoro, en 1929, ós estudios de Hollywood xurdiulles un problema novo: a dificultade de exportar as películas a países non anglófonos. Cambiar os rótulos de texto dos filmes mudos era doado, facer que os actores falasen nunha lingua que non era a súa era case imposible.  A solución que atoparon foi contratar actores doutros países, especialmente hispanofalantes, para o gran mercado de Lationamérica, e rodar cada película dúas veces, cos mesmos decorados e material. Esta práctica caeu en desuso a finais dos 30, coa invención da dobraxe.

Romualdo Tirado, a referencia
O actor toledano Romualdo Tirado, cuxa figura levou ó impresor José Fernández a investigar o traballo dos españois dos anos 30 en Hollywood, foi o paradigma de actor secundario naquela gran industria, cunha grande personalidade e unha capacidade de traballo que lle permitíu ser o que máis filmes rodou entre os seus compatriotas, un total de 36.  Grande admirador do circo, Tirado tiña unha formación como tititireiro  que lle permitiu desenvolver unha gran vis cómica. Igual que José Peña, ‘Pepet’, viuse obrigado a emigrar a México unha vez que se popularizou a dobraxe.

Carlos Villarias, o Conde Drácula
Carlos Villarias, nacido en Córdoba, é o segundo actor máis prolífico dos españois que estiveron en Hollywood, con 36 películas. Na maioría da súa carreira exerceu como actor de elenco, pero o contrario que ‘Pepet’, si que logrou un papel protagonista memorable, o de Conde Drácula en 1931, na versión hispana da mítica película dirixida por Tod Browning e protagonizada por Bela Lugosi. Tamén hai outra diferenza fundamental entre a biografía de Carlos Villarias e os seus colegas ‘Pepet’ e Romualdo Tirado, e é que o andaluz nunca emigrou a México, senón que quedou nos EEUU realizando traballos menores para os estudios de cine.

30 mar 2007 / 17:56
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito