El Correo Gallego

Lo más » Lo + visto

O personaxe

Mª Xosé Queizán ou o feminismo

A escritora viguesa acaba de publicar un novo ensaio, ‘Anti Natura’ (Ed. Xerais), no cal intenta descubrir as trampas das teorías que sempre lexitimaron o patriarcado

LECER  | 09.11.2008 
A- A+

G.H.
María Xosé Queizán, escritora e catedrática de Lingua e Literatura Galega
FOTO: G.H.

Anti natura’ é unha viaxe polo saber. María Xosé Queizán descobre as trampas e simplifica as teorías que, desde Aristóteles ata Freud, lexitimaron o patriarcado, deténdose nas distintas concepcións do feminismo e apoiándose nos valores racionais de igualdade e de xustiza. O saber é quen de mudarnos a mirada e de automodificarnos, de suprimir a opresión e a apropiación patriarcal; con todo, os cambios non serán inmediatos, a pesar das leis, e nin sequera se producirán de balde: traerán o custo do enfrontamento cos intereses sociais, políticos e económicos acomodados á situación, así como un custo de vidas humanas que as mulleres xa están a pagar. Toda viaxe leva a algures: esta viaxe parte do saber científico para rescatar as mulleres da escuridade á que estiveron predestinadas durante séculos para conducilas á luz pública".

Con este texto presenta a Editorial Xerais o novo ensaio literario da escritora, catedrática de lingua e literatura galega e figura relevante no movemento feministra estatal María Xosé Queizán (Vigo, 1939).

Con esta obra, Queizán dá un paso máis no seu traballo contra o machismo e suma un novo título á súa extensa lista de producións que, ata o de agora, xa trataron temas tan controvertidos como o da colonización sexual das mulleres, o cuestionamento da maternidade biolóxica e a reflexión sobre a escrita non androcéntrica.

Á parte do seu labor como escritora, Queizán foi codiretora do grupo teatral Feministas Independentes Galegas (FIGA), directora da galería de arte Roizara de Vigo, vicepresidenta do Consello Municipal da Muller de Vigo e directora e organizadora do I encontro de Mulleres Poetas Peninsulares e das Illas (1996).

A principios dos anos setenta trasladouse a París, onde coñeceu a nova novela francesa, o que a axudaría a escribir a súa primeira novela, A orella no buraco, obra incluída na Nova Narrativa Galega. En 1977, publica o ensaio A muller en Galicia ao que lle seguiría en 1980 Recuperemos as mans e, en 1998, Misoxinia e racismo na poesía de Pondal. Creou a revista Festa da palabra silenciada, feita só por mulleres, a cal coordina e dirixe dende 1983.

En 1989 publicou unha obra de teatro, Antígona ou a forza do sangue, coa que quedou finalista do Premio Álvaro Cunqueiro. Obtivo tamén o Premio da Xunta de Galicia polo guión de cine Prisciliano. O seu primeiro poemario Metáfora da metáfora aparece en 1991, seguido por Despertar das amantes en 1993 e Fóra de min en 1994. Como tradutora, figuran no seu haber pezas como: O caderno azul de Marguerite Yourcenar, e tamén contos de Karen Blixen, Emilia Pardo Bazán e Charlote Perkins, entre outros moitos libros.