El Correo Gallego

Noticia 3 de 353 noticia anterior de Ourense-Capital do Termalismo Especiales » Ourense-Capital do Termalismo

Baltar na Casa de Galicia: "Non veño a vender Ourense, veño a compartilo"

Ve a provincia como porta de entrada da alta velocidade a Galicia, "vivirá a revolución emprendedora, social e económica máis importante do século" XXI"

José Ramón Ónega, á esquerda, e Manuel Baltar - FOTO: ECG
José Ramón Ónega, á esquerda, e Manuel Baltar - FOTO: ECG

IRENE JIMÉNEZ MADRID   | 29.11.2018 
A- A+

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, destacou onte en Madrid, nun encontro empresarial celebrado na Casa de Galicia, a "oportunidade diferencial" que ofrece o termalismo para a economía ourensá, remarcando que Ourense, como porta de entrada da alta velocidade ferroviaria a Galicia, "vivirá a revolución emprendedora, social e económica máis importante do século XXI".

No acto, organizado pola Asociación de Empresarios Galegos en Madrid (Aegama), o presidente do goberno provincial ofreceu un relatorio sobre Ourense, a provincia termal, e estivo presentado polo presidente de Aegama, Julio Lage, e moderado polo director da Casa de Galicia, José Ramón Ónega, contando coa presenza de empresarios galegos en Madrid.

"O equilibrio territorial que sempre demandamos para a nosa provincia -expresou Baltar- dará un gran paso adiante co AVE, e temos que estar preparados para ofrecer ao visitante a riqueza que nos fai competitivos: o turismo termal, cultural, deportivo e de natureza, elementos fundamentais para posicionarnos nacional e internacionalmente".

"Non veño vender Ourense, veño compartilo", dixo Baltar para iniciar a conferencia, na que tamén explicou que "Ourense é a segunda cidade termal de Europa, despois de Budapest, pero é a primeira provincia, pola cantidade de mananciais que hai en todo o territorio", destacou. "Dos seus 92 concellos, doce teñen vilas termais e rexistramos a maior temperatura, 77 graos, en Río Caldo, en Lobios", dixo.

Competitividade, economía, emprendemento, turismo, cultura, e loita contra o despoboamento rural foron algúns dos temas que tratou con imaxes, tanto de cultura como de zonas urbanas e rurais.

Xunto a importancia de sectores de grande competitividade para a provincia de Ourense, como o agroalimentario, o da lousa, o tecnolóxico ou o téxtil, Manuel Baltar defendeu "a importancia da transversalidade da innovación", "aplicando en cada nova iniciativa que levamos a cabo desde a xestión pública ou en cooperación co sector privado, un grao de innovación que nos coloca á vangarda, como xa o vimos demostrando en proxectos como o de Provincia Intelixente ou o Plan Termal, referentes nos seus ámbitos de tecnoloxía aplicada aos servicios públicos e na evolución dos servizos, infraestruturas e promoción do termalismo na provincia de Ourense".

"O que nos diferencia nos une aos demais; Ourense atrae porque ofrece experiencias singulares cun ecosistema natural, patrimonial e etnográfico que poucos territorios posúen, e iso supón unha vantaxe competitiva que se incrementará exponencialmente coa chegada da alta velocidade", dixo Baltar.

Diante do foro de empresarios galegos, o presidente provincial apelou ao "incansable talante emprendedor dos galegos", e puxo como exemplo á colectividade na emigración de Arxentina e Uruguai, que visitou días pasados xunto cunha delegación para entregar o Premio "Ourensanía" 2018 ao Centro Partido do Carballiño, en Bos Aires, e ao Centro Ourensano de Montevideo.

"Igual ca eles, dentro e fóra de España, os ourensáns e os galegos deixamos sempre ese distintivo de conciliación, esforzo e traballo que nos identifica", dixo, "algo do que en Ourense temos exemplares experiencias en importantes ámbitos de actividade económica", sinalou.