El Correo Gallego

Noticia 4 de 353 noticia anterior de Ourense-Capital do Termalismo Especiales » Ourense-Capital do Termalismo

Baltar, preocupado pola nova asemblea do CGBA, o día 29

Os socios do Centro Gallego de Bos Aires analizarán nesa reunión a venda do inmoble

O presidente da Deputación de Ourense, na súa visita de novembro ao CGBA - FOTO: Gallego
O presidente da Deputación de Ourense, na súa visita de novembro ao CGBA - FOTO: Gallego

MARIO ÁLVAREZ SANTIAGO   | 03.12.2018 
A- A+

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, amosa a súa profunda preocupación polo resultado da Asemblea extraordinaria do Centro Gallego de Bos Aires, convocada para o vindeiro 29 de decembro de 2018, fundamentalmente polo que se refire ao punto 11 da orde do día: "Autorizar de la venta del inmueble sito en la avenida Belgrano 2.199 y sus anexos y todo acto jurídico necesario para el perfeccionamento de la misma", segundo o anuncio publicado no Boletín Oficial da República Argentina do 29 de novembro.

O presidente da Deputación de Ourense alerta neste sentido do camiño que leva "o proceso de baleirado, intimidación e desatención dos socios e do grave endebedamento de salarios aos desempregados, unha situación límite, a do Centro Gallego, diante da cal a corporación provincial xa reaccionou no seu día".

Manuel Baltar espera que o presidente do Goberno de España "aproveitara a súa presenza na capital arxentina para visitar, como fixemos nós hai pouco, unha casa erguida con moito sacrificio por centos de miles de galegos e na que faleceu, o 7 de xaneiro de 1950, o ilustre galeguista, deputado nas Cortes da República por Pontevedra, presidente do Consello de Galiza e ministro que foi do goberno republicano no exilio, Alfonso Daniel Rodríguez Castelao".

Neste sentido, a Deputación de Ourense volve facer un chamamento "aos gobernos español e arxentino para que salven o Centro Gallego de Bos Aires", expresa Baltar nun comunicado difundido onte.

tendencias@elcorreogallego.es