El Correo Gallego

Noticia 2 de 374 noticia anterior de Ourense-Capital do Termalismo Especiales » Ourense-Capital do Termalismo

'Castelao e Prada: Irmaus!', unha gran exposición para a "Atenas de Galicia"

Román Rodríguez destaca o gran patrimonio cultural de Ourense // Exhibición de 'A derradeira leición do mestre' ata o 7 de abril

Román Rodríguez, a esquerda, acompañado de Amalia Bóveda, Manuel Baltar, José María Vila Alén e Luís González Tosar diante do insigne óleo de Rodríguez Castelao - FOTO: Xunta de Galicia
Ver galería
Román Rodríguez, a esquerda, acompañado de Amalia Bóveda, Manuel Baltar, José María Vila Alén e Luís González Tosar diante do insigne óleo de Rodríguez Castelao - FOTO: Xunta de Galicia

JUAN DAVID OURENSE  | 08.03.2019 
A- A+

Dobre alegría a do conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, e a do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, coa apertura da mostra Castelao e Prada: Irmaus! que, á súa vez, inclúe a exposición ata o 7 de abril do cadro A derradeira leición do mestre, da que foi autor o primeiro dos homenaxeados.

Na inauguración no Pazo Provincial, Rodríguez destacou a importancia da exhibición para difundir e ensalzar o patrimonio cultural e os " importantísimos" valores que Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, Rodolfo Prada e Alexandre Bóveda defenderon na súa vida.

Neste sentido, que se referiu a cidade das burgas como a Atenas galega, sinalou a relevancia de ambos á hora de "honrar" e "homenaxear" a Bóveda no exilio, dous homes que axudaron a construír a comunidade no exterior e que ensinaron a importancia de "colaborar a favor de Galicia" e "sumar esforzos para construír o futuro". Tamén subliñou que a exposición é unha "ocasión propicia" para "estreitar lazos" e "renovar alianzas" entre a Galicia territorial e a exterior a través dun "acto de confraternidade" e "galeguismo cordial" no que se celebra a "unión fraterna" e "colaboración" de ambos insignes persoeiros.

Nesta mesma liña, valorou que estes dous galeguistas levasen a cabo as súas vontades cun "resultado brillante" en circunstancias "extraordinariamente duras" e opostas á actualidade da comunidade galega, un territorio que é "máis próspero, máis culto, con liberdades, tolerante, integrador, con niveis de benestar elevados e que sente unido a España, a Europa, ao mundo e entre si". O encontro estivo en todo momento presidido pola presenza do óleo.

Baltar dixo que "reflexa un intre tráxico co que Castelao denuncia a acción reaccionaria da barbarie asasina. Mais coas figuras dos nenos, co seu pranto e, sobre todo, co rostro de Bóveda, o artista consegue que aínda alente a esperanza. Alexandre, os seus ollos e a súa valentía fronte á morte, representa a luz da redención, unha Galicia martirizada pero aínda viva, xamais rendida".

Rematou Baltar o salientando que con Castelao, Bóveda e Prada, e con Otero Pedrayo, Risco e Cuevillas, "sentaremos os alicerces do centenario de Nós, porque cremos no galeguismo sen epítetos nin apelidos, e porque temos o deber de honrar a todos os bos e xenerosos".

Neste salientable evento cultural, tamén participaron o presidente do Centro Pen Galicia, Luís González Tosar; o responsable máximo do Centro Galicia de Buenos Aires, José María Vila Alén, e a filla de Bóveda, Amalia, entre outros presentes.