El Correo Gallego

Noticia 18 de 321 noticia anterior de Ourense-Capital do Termalismo Especiales » Ourense-Capital do Termalismo

Clausura de 'In Tempore Sueborum', a mostra de maior éxito en Ourense

Contará coa participación do presidente provincial, Manuel Baltar, e do conselleiro Román Rodríguez// No acto de hoxe estrearase un documental

MARÍA ABACAL. OURENSE   | 07.05.2018 
A- A+

O Centro Cultural Marcos Valcárcel acollerá hoxe ás 20.00 horas o acto de clausura da exposición In Tempore Sueborum, que contará coa participación do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; do comisario da mostra, Jorge López; do presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices; do director de Abanca en Ourense, Rubén Saavedra; do bispo de Ourense, Leonardo Lemos; do alcalde de Ourense, Jesús Vázquez; e do conselleiro de Cultura da Xunta, Román Rodríguez. No acto, ademais, estrearase o documental In Tempore ­Sueborum.

A exposición, que organizou a Deputación de Ourense, é a mostra máis importante de Europa sobre o mundo suevo e é xa o acontecemento cultural de máis éxito e a exposición máis visitada na historia da provincia de Ourense.

Segundo os datos presentados na segunda metade abril visitaron a mostra máis de 37.800 persoas, nos tres espazos expositivos nos que se exhibiu: o Centro Cultural Marcos Valcárcel, a igrexa de Santa María Nai e o Museo Municipal.

Cando levaba moi pouco tempo aberto, o maior número de visitantes e seguimento a través das redes sociais contabilízase en Galicia, Madrid, Cataluña e Castela e León, e no ámbito internacional os países máis destacados eran Reino Unido e ­Portugal.

Segundo o presidente da Deputación, o éxito desta ­proposta ­cultural radica en que é unha exposición "ben ­pensada, ben ­xestionada e ben promocionada, sobre unha temática singular e novidosa, que por ­primeira vez reúne ao redor do mundo suevo pezas de 39 museos de dez países. E todo iso acontece aquí, en ­Ourense".

 


Ourense e Portugal irmándanse. Por outro lado, "a historia do mundo suevo une a Ourense e Portugal no territorio común onde compartiron cultura e etnografía". Así o expresou Baltar na primeira presentación internacional da exposición, que tivo lugar en Braga, acto no que tamén participou o presidente da ­Cámara Municipal, Ricardo Río, e destacados historiadores como os directores do museo Diogo de Sousa, Isabel Silva; e do museo Pío XII, José Paulo Leite de Abreu.

 


catálogo. No mesmo acto presentouse a segunda edición do catálogo de In tempore Sueborum, unha publicación cualificada como un fito na historiografía sobre o chamado mundo bárbaro, no que se encadran os suevos. Trátase dun traballo coral preparado por máis de 60 especialistas.

A versión en papel do catálogo consta de 552 páxinas ten un prezo de 20 euros. O texto, en galego, español e inglés, analiza a realidade dos bárbaros, a súa composición e relacións cos romanos, e explica amplamente sobre este particular a creación bárbara, unha historia contada para a elite imperial.

Nas súas páxinas é posible consultar os datos científicos de todas as pezas exposta na mostra, e aporta abundante bibliografía que actualiza este campo da investigación da Antigüidade Tardía.

A vindeira publicación prevista é un volume con 60 estudios científicos sobre a mostra, do que son autores investigadores de varios países de ­Europa.

 

CAMPAÑA

Trens

A exposición 'In Tempore Sueborum' estivo presente nos trens Alvia e nos de Alta Velocidade de Renfe. Foi unha campaña promocional da mostra, única en Europa e organizada e patrocinada desde a Deputación Provincial de Ourense.