El Correo Gallego

Noticia 1 de 321 noticia anterior de Ourense-Capital do Termalismo Especiales » Ourense-Capital do Termalismo

A Deputación de Ourense e o Centro PEN Galicia homenaxean á escritora Pura Vázquez no centenario do seu nacemento

A Deputación de Ourense e o Centro PEN Galicia homenaxean á escritora Pura Vázquez no centenario do seu nacemento

D.O.  | 18.05.2018 
A- A+

O vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, participou hoxe no acto conmemorativo do centenario da escritora ourensá Pura Vázquez, que tivo lugar no cemiterio de san Francisco, en Ourense, coorganizado pola institución provincial e o Centro PEN Galicia. O evento, no que participaron tamén o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez; o presidente do Centro PEN Galicia, Luis González Tosar; a Valedora do Pobo, MIlagros Otero; familiares da escritora e representantes institucionais e de colectivos culturais e sociais, "ten como obxectivo seguir recoñecendo a unha das grandes da nosa cultura, como foi Pura Vázquez, e moito máis hoxe, Día das Letras Galegas", expresou Rosendo Fernández.

O vicepresidente da Deputación lembrou "á escritora e mestra, é a autora por excelencia da literatura para nenos e mozos na nosa lingua, cuxa obra abrangue máis de corenta títulos de poesía, narrativa e teatro, pensados para o público infantil e xuvenil, a quen dedicou a súa carreira e a súa creatividade literaria", destacou Rosendo Fernández.

O acto, no que participaron no apartado musical gaiteiros da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense, rematou tralos discursos cunha ofrenda floral na tumba da escritora por parte de Rosendo Fernández, Jesús Vázquez e Luis González Tosar.

Carmen Purificación Vázquez Iglesias, Pura Vázquez, naceu en 1918 e faleceu en 2006. Ela e a súa irmá, Dora, mestras ambas, foron pioneiras da literatura infantil e xuvenil, feito que a Deputación de Ourense recoñece desde fai dezaseis anos co premio que leva o nome das escritoras. O seu labor docente e literario foi recollido en libros tan significativos como Rondas de Norte a Sur, poesía infantil (1968); Versos para nenos da aldea (1963), Monicreques (1974), e Teatro completo para nenos (2000).

Pura Vázquez foi nomeada académica correspondente da Real Academia Galega en 1949, a solicitude de Otero Pedrayo e outros intelectuais ourensáns. Desde moi nova publicou os seus textos na prensa galega, sendo os primeiros no diario La Zarpa, que dirixía Basilio Álvarez. En 1943 publica o seu primeiro libro, Peregrino de amor, hoxe perdido, no que combinaba poemas en galego e castelán. Posteriormente, en 1944, a Deputación de Ourense publícalle a obra Márgenes veladas, o seu primeiro libro en castelán, e tamén será a institución provincial a que lle edite o seu derradeiro traballo, en 2004, Todo vén de esa luz, libro compartido coa súa irmá, Dora.