El Correo Gallego

Noticia 5 de 387 noticia anterior de Ourense-Capital do Termalismo Especiales » Ourense-Capital do Termalismo

A Deputación de Ourense, de cine con 42 opcións de Goya

Tres películas apoiadas pola entidade suman unha morea de precandidaturas // 'Elisa y Marcela', de Isabel Coixet, ten 17

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, xunto a Isabel Coixet.  - FOTO: D. O.
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, xunto a Isabel Coixet. - FOTO: D. O.

LUIS PLANAS SANTIAGO   | 25.11.2019 
A- A+

Tres películas que contan co apoio económico da Deputación de Ourense veñen de acadar un total de 42 candidaturas na preselección dos Premios Goya da Academia das Artes e das Ciencias Cinematográficas de España. Os filmes Elisa y Marcela, de Isabel Coixet; O que arde, de Oliver Laxe, e A nosotros tu reino, de Horacio Alcalá, con 17, 15 e 10 candidaturas, respectivamente cara o 2020.

Esas opcións de galardón "constatan a calidade dos traballos cinematográficos que se fan na provincia de Ourense e poñen de manifesto o potencial da nosa provincia como plató de cinema, algo que ten demostrado a nosa provincia ao longo da súa historia e que debe ser unha ferramenta moi importante para promocionar o noso patrimonio histórico, cultural e natural", afirma o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar.

E valora esta prese­lección felicitando aos directores e aos seus equipos artísticos e tamén técnicos "por este éxito que xa supón formar parte do grupo das mellores películas do noso país".

Estas tres películas, que contan con financiamento da Deputación de Ourense, foron rodadas en Celanova e Boborás (Elisa y Marcela) e en diferentes lugares da provincia en coordinación coas brigadas antiincendios da Xunta de Galicia (O que arde), mentres que no caso do terceiro filme, A nosotros tu reino, conta a historia do ourensán Simón González, quen foi trece veces consecutivas campión do mundo de Full Contact. De feito, é algo inédito que tres películas apoiadas pola institución provincial estean loitando polos premios máis importantes do cinema español, sumando en total 42 candidaturas en diferentes categorías para a preselección dos Goya.


SELECCIÓN FINAL A selección definitiva dos nominados coñecerase o vindeiro 2 de decembro e o 25 de xaneiro, no Pavillón José María Martín Carpena de Málaga, terá lugar a gala de entrega.

Desta maneira, a política cultural relacionada co audiovisual e impulsada polo presidente da Deputación de Ourense está a dar os seus froitos, salientando tamén Manuel Baltar outros exemplos audiovisuais, aínda pendentes de estrea e aos que se lles augura importantes éxitos, como son as películas Olvido y León, de Xavier Bermúdez e Eles transportan a morte, de Helena Girón e Samuel M. Delgado, e citando asemade a serie que se estivo a rodar estes días pasados en Celanova e Ribadavia para a multinacional Netflix, El desorden que dejas.