El Correo Gallego

Noticia 37 de 323 noticia anterior de Ourense-Capital do Termalismo Especiales » Ourense-Capital do Termalismo

A Deputación de Ourense pon en marcha a iniciativa cultural "A gaita do mes" para exhibir as xoias musicais do Museo de Cornamusas

Este mes está dedicado a un dos instrumentos máis antigos do mundo árabe, a gaita de Irán.

D.O,.  | 08.03.2018 
A- A+

A Deputación de Ourense, por medio da súa Escola de Gaitas, pon en marcha unha nova iniciativa cultural que ten como obxectivo dar a coñecer os instrumentos do Museo Internacional de Cornamusas pola provincia de Ourense, dedicando este primeiro mes a unha das gaitas máis antigas do mundo árabe, a gaita de Irán. A presentación desta iniciativa tivo lugar hoxe na Escola de Gaitas, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o deputado provincial de Cultura, Manuel Doval; o director da Escola Provincial de Gaitas, Xosé Lois Foxo; e a intérprete de Ney-anban, Liana Sharifian.

Rosendo Fernández salientou a sensibilidade que mostra sempre a Deputación de Ourense "coa investigación das tradicións ligadas a este senlleiro instrumento" e destacou o labor que realiza a Escola de Gaitas "levando a Ourense por todo o mundo e traendo aquí gaitas de diferentes países". Manuel Doval destacou a importancia da cultura porque "forma parte da liberdade dos pobos e xoga un papel fundamental na unión dos mesmos".

O nome da gaita iraní presentada hoxe é Ney-anban: Ney significa palleta e Anban, fol feito de pel de cabra. Este instrumento, que provén do sur de Irán, preto do Golfo Pérsico, abrangue a identidade musical do sur do país (Busherhr Province). Xosé Lois Foxo dixo que, ademais da gaita do mes, "presentamos a unha alumna destacada da escola, Liana Sharifian, que veu desde Irán a estudar gaita aquí para obter o título de mestra gaiteira". Pola súa parte, Liana Sharifian dixo que decidiu vir a Ourense a estudar este instrumento logo de que seu pai, Mohsen Sharifian, un dos gaiteiros máis destacados de Irán, participara na Xuntanza Internacional de Gaiteiros, cualificando á Escola de Gaitas da Deputación de Ourense como a mellor do mundo. Foxo anunciou que cada mes "presentaremos un instrumento diferente, expoñendo as gaitas do Museo de Cornamusas en distintos lugares da xeografía ourensá". A presentación de hoxe rematou coa actuación de Liana Sharifian.