El Correo Gallego

Noticia 21 de 343 noticia anterior de Ourense-Capital do Termalismo Especiales » Ourense-Capital do Termalismo

A Deputación de Ourense xestionará o Museo do Entroido de Galicia, en Xinzo

Baltar destaca que contribúe a impulsar investigacións sobre esta festa ancestral

Manuel Baltar, onte no acto - FOTO: ecg
Manuel Baltar, onte no acto - FOTO: ecg

ECG   | 05.09.2018 
A- A+

Santiago. A Deputación de Ourense farase cargo en 2019 da xestión do Museo do Entroido de Galicia, en virtude dun convenio que asinará co Concello de Xinzo de Limia, no que se sitúa este centro expositivo, facilitando así a apertura permanente das instalacións e dando resposta a unha vella aspiración da vila limiá, como é ser a testemuña dunha festa ancestral con fondas raíces na provincia.

O convenio, que se presentará no pleno ordinario deste mes, ven de ratificar o compromiso da institución provincial cunha das manifestacións culturais e populares máis importantes de Ourense, como é o Entroido, pois xa en 2016 asinara outra colaboración con Xinzo, aportando dous técnicos para dar pulo a este espazo expositivo.

"Queremos potenciar e dar visibilidade a este centro, que ademais de ser o museo do entroido limiao tamén o é das outras celebracións do carnaval de Galicia, para potenciar a gran riqueza cultural e etnográfica que significa", valorou o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar. As instalacións, engadiu o titular da institución provincial, "deben ser algo máis ca un lugar de exposición; teñen que axudar a poñer en valor o entroido, impulsar iniciativas investigadoras, recuperar a historia destas celebracións, e ser a cerna de actividades en torno a festa ancestral".

O alcalde de Xinzo, Manuel Cabas, amosou o seu agradecemento polo apoio da deputación, sinalando que todos os veciños "temos que sentirnos orgullosos de acoller o único museo de Galicia de este tipo".

Para Cabas, permitirá ofrecer aos visitantes, e mais no entroido, "unha oportunidade única de coñecer unha parte fundamental da nosa cultura".