El Correo Gallego

Noticia 6 de 323 noticia anterior de Ourense-Capital do Termalismo Especiales » Ourense-Capital do Termalismo

Dous días en Benposta co mellor do rock no Ourenrock Sound 2018

O festival celebrarase os vindeiros 8 e 9 de xuño e participarán ata 17 grupos musicais

Baltar, no centro, con Álvarez e Varela onte.  - FOTO: DdeO
Baltar, no centro, con Álvarez e Varela onte. - FOTO: DdeO

REDAC.   | 31.05.2018 
A- A+

Ourense. Ourense será os días 8 e 9 de xuño a capital do rock coa celebración do Ourenrock Sound 2018, un festival no que colabora a Deputación de Ourense e que trae nesta edición ao escenario de Benposta a 17 bandas e artistas de vangarda no panorama da música rock.

A presentación do evento tivo lugar onte no centro cultural Marcos Valcárcel, coa participación do presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, e do director e o secretario de organización do festival, Rubén Álvarez e Rubén Varela, respectivamente.

No programa desta terceira edición figuran bandas como El Drogas, Riot Propaganda, Talco, Xavi Sarrià, The Locos, Smoking Souls, Bohemian Betyars, Rebeliom do Inframundo, Ezetaerre, Blues do País, Yo no las conozco, Binkadelia Troupe, Isabel Marco e Secondhand trade Soul.

Ademais das bandas ourensás Pauliña e Gorilas a pilas ao escenario de Benposta subiranse grupos doutros puntos de Galicia, España, Francia, Italia e Hungría. O comezo das actuacións será ás 20.00 horas, e as entradas e abonos -cun custe de entre 20 e 30 euros en venda anticipada-, poden adquirirse en puntos de venta, e en Internet a través da web: http://ourenrocksound.com/, onde figura ademais toda a información do festival.

Manuel Baltar destacou na presentación que Ourense "é unha provincia de rock, que alumou a un dos grupos máis importantes: Los Suaves, Medalla de Ouro da Provincia de Ourense, polo cal, xunto coa magnífica acollida das anteriores edicións, a Deputación seguirá apoiando este gran encontro de música e cultura que é Ourenrock, un festival completo que, ademais, conta con gastronomía e obradoiros, e que en dúas edicións duplicou a asistencia de público, agardándose que en 2018 presente unha excelente participación".