El Correo Gallego

Noticia 19 de 321 noticia anterior de Ourense-Capital do Termalismo Especiales » Ourense-Capital do Termalismo

A exitosa 'In tempore sueborum' pecha as súas portas con 44.299 visitantes

A mostra, a que máis público recibiu na historia de Ourense, contou con pezas de 39 museos de dez países// Foi pioneira en abordar o tema dos suevos relacionados coa identidade galega

Un intre da clausura, onte en Ourense, da exposición ‘In tempore sueborum’
Un intre da clausura, onte en Ourense, da exposición ‘In tempore sueborum’

MARIO ÁLVAREZ SANTIAGO   | 08.05.2018 
A- A+

Cun total de 44.299 visitantes, a exposición In tempore sueborum, organizada pola Deputación Provincial de Ourense, pechou onte as súas portas logo dunha exitosa acollida de público e crítica, que desbordou todas as expectativas, converténdoa na mostra máis visitada na historia da provincia de Ourense e a máis importante de Galicia, "contando con pezas de 39 museos de dez países sobre un tema que nunca antes había sido obxecto de exposición, os suevos, e relacionada coa nosa identidade e co primeiro reino medieval de Occidente", asegurou o presidente da Deputación Provincial de Ourense, Manuel Baltar na clausura.

A exposición, a máis importante de Europa sobre o mundo suevo, foi o acontecemento cultural de máis relevancia, chegando ao seu final cunha aceptación sobresaínte por parte de público de todas as idades e colectivos educativos, sociais, culturais e académicos, que coincidiron na calidade deste proxecto cultural desenvolvido pola Deputación de Ourense.

A clausura tivo lugar onte no centro cultural Marcos Valcárcel coa participación do presidente do goberno provincial, Manuel Baltar; do comisario da mostra, Jorge López; do presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices; do director de Abanca en Ourense, Rubén Saavedra; do alcalde de Ourense, Jesús Vázquez; e do conselleiro de Cultura da Xunta, Román Rodríguez. No acto tivo lugar o espectáculo Peregrinatio, dedicado ás músicas nos camiños de peregrinación medievais.

Para Baltar, a mostra "sitúa a Ourense no mapa das grandes exposicións e como referente cultural, dentro desa visión integral de provincia que defendemos, onde a posta en valor da cultura é algo fundamental", e agradeceu o traballo dos "comisarios e todas as persoas e institucións de tantas nacións que fixeron posible este fito na historia de Ourense, de Galicia e de Europa que impulsou e desenvolveu a Deputación de Ourense para salientar o noso pasado con maiúsculas, innovando e estando na vangarda das investigación sobre a nosa historia, como fixo esta exposición".

O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, pola súa parte, cualificou a mostra como "un rotundo éxito de público, de crítica e de difusión do coñecemento histórico", e subliñou que grazas á exposición "somos, moitos máis os galegos que coñecemos as características principais do reino suevo".

Ademais, insistiu en que In tempore sueborum foi "a mellor mostra posible" sobre os grupos humanos asentados na Gallaecia nos primeiros séculos da Idade Media, coa actualización e revisión dos coñecementos e hipótesis que se manexaban sobre esta etapa.

Das cifras de audiencia relativas á exposición destaca que máis de 14 millóns de persoas en Europa e América recibiron noticias sobre a mostra, e os espazos dedicados a información suporían millóns de euros, traducidos en espazos publicitarios de diferentes formatos en prensa, radio, televisión e Internet. Só a través das redes sociais In tempore sueborum relacionouse con 10.000 persoas ao día, sendo a audiencia acumulada en redes de case 600.000 persoas.

Con respecto á prensa, a exposición figurou 303 veces en medios locais, 37 veces en medios nacionais, e en seis ocasións en medios internacionais, sendo os países máis destacados México, Venezuela, Portugal e Gran Bretaña.

estrea dun documental

•••Na clausura estreouse o documental 'In tempore sueborum', produción realizada por Jesús María Caramanzana, con guión e asesoramento científico do profesor Jorge López Quiroga, comisario da exposición. O documental é unha visita guiada á exposición, ilustrada cos lugares aos que pertencen as pezas expostas nas vitrinas. Foi rodado entre Galicia, Castela e León, Estremadura, Braga e Oporto, entre outros lugares. O traballo, coa colaboración de Mónica Rodríguez Lovelle -autora da banda sonora da mostra-, foi rodado con proxección internacional para perpetuar a máis importante exposición en Europa sobre o tempo dos suevos.

Román Rodríguez

conselleiro de cultura

"A exposición tivo un rotundo éxito de público, de crítica e de difusión do coñecemento histórico"

Manuel Baltar

pte. da deputación de ourense

"Sitúa a Ourense no mapa das grandes mostras, nesa visión integral de provincia que defendemos"