El Correo Gallego

Noticia 2 de 321 noticia anterior de Ourense-Capital do Termalismo Especiales » Ourense-Capital do Termalismo

Homenaxe de trescentos escolares a Pura Vázquez na Ínsua dos Poetas

Baltar define á escritora como unha "mestra da palabra, que abriu en Galicia as portas á literatura infantil e xuvenil"// Lembra que todas as culturas enriquecen, "e nós temos unha propia, o galego"

oto de familia dos participantes no acto da Ínsua dos Poetas, diante do monumento a Pura e Dora Vázquez - FOTO: G.
oto de familia dos participantes no acto da Ínsua dos Poetas, diante do monumento a Pura e Dora Vázquez - FOTO: G.

MARIO ÁLVAREZ SANTIAGO   | 22.05.2018 
A- A+

Uns 300 escolares e profesores de sete centros educativos da provincia de Ourense protagonizaron onte na Ínsua dos Poetas (A Esgueva, O Carballiño) un acto de homenaxe á escritora ourensá Pura Vázquez, conmemorando o centenario do seu nacemento.

A actividade, presidida polo titular da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, contou tamén coa participación do secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García; o alcalde do Carballiño, Francisco Fumega; o presidente da Fundación Ínsua dos Poetas, Luís González Tosar, e a xefa territorial de Cultura, María Luz Fernández, acompañados por familiares das escritoras Pura e Dora Vázquez e representantes dos ámbitos cultural e social.

Alumnos dos CEIP Virxe da Guadalupe (Avión), Emilia Pardo Bazán (Leiro), Saco e Arce (Toén), e os da capital ourensá Virxe de Covadonga, A Inmaculada, Manuel Luís Acuña e Manuel Sueiro, desenvolveron ao longo da mañá actividades literarias ao redor da figura de Pura Vázquez, homenaxeando á autora coa lectura de poemas e xogos literarios e lembrando a traxectoria da que foi pioneira da literatura en galego para os máis novos.

O acto, que contou na parte musical coa participación do grupo A Roda, rematou xunto ao monumento das irmás Pura e Dora, instalado no recinto da Ínsua dos Poetas.

Manuel Baltar destacou no seu discurso a Pura Vázquez como a "mestra da palabra, que abriu en Galicia as portas á literatura infantil e xuvenil, e que pensou sempre en clave de infancia e mocidade".

"Nesta xornada, na que se conmemora o Día Mundial da Diversidade Cultural e o Día Europeo da Rede Natura, unimos na Ínsua dos Poetas precisamente iso, cultura, arte e natureza, para homenaxear a unha das grandes das nosas letras, Pura Vázquez", expresou o presidente provincial, lembrando que todas as culturas enriquecen, "e nós temos unha propia, o galego, a nosa lingua nai".

Manuel Baltar, quen agradeceu aos nenos a súa participación no acto, dixo que para a Deputación de Ourense "é moi importante seguir honrando a figura de Pura Vázquez, como xa fixemos en Ourense o pasado Día das Letras Galegas, e como tamén facemos honrando ao longo deste ano a Ben Cho Shey, porque na nosa provincia temos talento e creatividade con exemplos de abondo demostrados ao longo da nosa historia", unha historia cultural e creativa que Baltar simbolizou nas letras "OU", presentes nos nomes de Pura e Dora, dixo, e que en galego representan a "Ourense", figurando tamén en palabras como "you", do inglés, e "oui", do francés, "idiomas, todos que son elementos de unión entre pobos e culturas, e que no noso caso ten en Pura Vázquez e na súa irmá Dora exemplos de grandiosidade a prol da nosa lingua".

Pola súa banda, Valentín García animou aos escolares "a seguir defendendo e utilizando o noso idioma, no que homenaxeamos o labor de Pura Vázquez como mestra e creadora literaria", e o alcalde do Carballiño subliñou a relevancia do día "no que nos damos cita persoas que cremos na cultura, na liberdade e no arte", remarcando a importancia da colaboración entre a Deputación Provincial de Ourense, o concello do Carballiño e a Fundación Ínsua dos Poetas", dixo Francisco Fumega.

literatura e natureza

•••O presidente do PEN Clube de Galicia, Luís González Tosar, quen exerceu de mantedor do acto, leu un poema composto por frases que os nenos uniron de distintas creacións literarias de Pura Vázquez, afirmou que neste evento "dialogan a literatura e a natureza, e vós, os nenos, sodes protagonistas desta festa da palabra xunto a Pura Vázquez, a quen honramos". Carmen Purificación Vázquez Iglesias, Pura Vázquez, naceu en 1918 e faleceu en 2006. Ela e a súa irmá, Dora, mestras ambas, foron pioneiras da literatura infantil e xuvenil, feito que a Deputación de Ourense recoñece desde fai dezaseis anos co premio que leva o nome das escritoras.