El Correo Gallego

Noticia 57 de 325 noticia anterior de Ourense-Capital do Termalismo Especiales » Ourense-Capital do Termalismo

Manuel Baltar visita os concellos de Larouco, Manzaneda, Trives e Castro Caldelas

Cultura, turismo e infraestruturas centraron as reunións do presidente da Deputación cos alcaldes destes municipios. - FOTO: D.O.
Cultura, turismo e infraestruturas centraron as reunións do presidente da Deputación cos alcaldes destes municipios. - FOTO: D.O.

D.O.  | 25.01.2018 
A- A+

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, visitou hoxe os municipios de Larouco, Manzaneda, Trives e Castro Caldelas, dentro da rolda de visitas que está a realizar polos concellos da provincia de Ourense. En Larouco foi recibido polo alcalde, Joaquín Bautista Prieto, con quen visitou a estación de bombeo, situada no río Xares, que abastece á localidade, e posteriormente reuniuse na Casa Consistorial para abordar temas de cooperación en infraestruturas e maquinaria.

Na estación de Cabeza de Manzaneda, o presidente do goberno provincial mantivo un encontro cos rexedores locais de Manzaneda e Pobra de Trives, Félix Domínguez e Domingo Diéguez, con que analizou asuntos de turismo e infraestruturas, destacando o impulso que está a ter para a comarca a recente posta en funcionamento dos primeiros canóns de produción de neve na estación de montaña, proxecto no que participa a Deputación de Ourense -que forma parte coa Xunta de Galicia do consello de administración de MEISA-, apostando por potenciar o turismo de ocio e deporte, e por iniciativas encamiñadas a desestacionalizar a oferta turística da estación de montaña.

En Castro Caldelas Manuel Baltar asinou coa alcaldesa, Sara Inés Vega, e co presidente da Fundación "Sotelo Blanco", Olegario Sotelo Blanco, un convenio para a posta en funcionamento do "Museo Antropolóxico da Ribeira Sacra", co fin de promover o turismo cultural e incentivar o coñecemento do patrimonio cultural e histórico galego e ourensán. No marco deste acordo, a Deputación de Ourense realizará as actuacións para a posta en funcionamento do museo e do proxecto museográfico, e farase cargo dos medios humanos e materiais. Ademais, consignarase unha achega de 25.000 euros para as anualidades de 2018 e 2019 a beneficio da Fundación "Sotelo Blanco" para realización de actividades e exposición de parte das pezas que se ceden en depósito á Deputación.

O Concello de Castro Caldelas colaborará coa Deputación na xestión dos permisos necesarios para a posta en funcionamento do museo e porá a disposición da fundación un espazo para a localización das pezas que non sexan expostas no museo, mentres que a Fundación cederá a colección da súa propiedade á Deputación para ser exposta no museo e doará a biblioteca de Claudio Movilla, de Costa Clavell e de Olegario Sotelo Blanco, todas elas da súa titularidade, ao Concello de Castro Caldelas.