El Correo Gallego

Noticia 79 de 336 noticia anterior de Ourense-Capital do Termalismo Especiales » Ourense-Capital do Termalismo

Monseñor Froján, da Secretaría de Estado do Vaticano, visita In Tempore Sueborum

O presidente da Deputación de Ourense recibiu no Pazo Provincial ao agregado da Sección para as Relacións cos Estados da Santa Sede, quen asinou no Libro de Honra e visitou os tres espazos expositivos.

REDACCIÓN  | 04.01.2018 
A- A+

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, recibiu hoxe no Pazo Provincial ao agregado da Sección para as Relacións cos Estados da Santa Sede, monseñor Francisco Froján, quen asinou o Libro de Honra da institución provincial e visitou a exposición In Tempore Sueborum, a mostra máis importante de Europa sobre o reino suevo, que organiza a Deputación de Ourense. Trala firma, o presidente da Deputación de Ourense acompañou a monseñor Froján durante a visita ao Centro Cultural "Marcos Valcárcel" -un dos tres espazos expositivos onde se exhibe mostra-, percorrido no que estiveron acompañados polo comisario da mostra, Jorge López Quiroga, quen explicou o contexto histórico e arqueolóxico da exposición.

Monseñor Froján destacou que este proxecto "axuda a comprender o fenómeno Suevo e a cultura e tradicións que este pobo deixou nestas terras, e como a Igrexa entrou en contacto con esa cultura, e como isto serviu para estruturar a organización eclesial da Gallaecia", e resaltou "a universalidade e europeidade" da exposición.

Francisco Froján é tamén crego capelán da Súa Santidade, biólogo, teólogo, profesor e escritor. Formouse na Universidade de Santiago, na Pontificia Universidade Gregoriana e na Universidade Pontificia de Salamanca. Foi ordenado sacerdote en Compostela en 1981 e actualmente reside no Vaticano. En 2003 o Papa Xoán Paulo II nomeouno co título honorífico de Capelán da Súa Santidade. O Goberno Español concedeulle a Cruz de Oficial da Real Orden de Isabel la Católica, e tamén é Cabaleiro da Enxebre Orde da Vieira desde 2011. Entre os seus libros ten un dedicado ás árbores presentes nos xardíns do Vaticano. No ano 2014 creou a aplicación FameZero.

In Tempore Sueborum fai un percorrido polo tempo dos suevos na Gallaecia (411-585). A mostra expón 262 pezas procedentes de 39 museos de 10 países: España, Portugal, Austria, República Checa, Hungría, Eslovaquia, Polonia, Bélxica, Francia, Alemaña.

As pezas que compoñen In Tempore Sueborum poden visitarse en tres espazos expositivos da cidade de Ourense, organizado cada un deles, segundo unha temática. Deste modo, os obxectos que alberga o Centro Cultural "Marcos Valcárcel" da Deputación de Ourense fan referencia á temática da deconstrución dos bárbaros. Na Igrexa de Santa María Nai están as pezas que se centran no proceso de cristianización na Gallaecia da época sueva, e o Museo Municipal mostra o ámbito social e organizativo dos suevos cos galaico-romanos.

DATOS

De luns a sábado, ás 18.30 horas, hai visitas guiadas. As reservas para as mesmas poden realizarse a través do correo electrónico comunicacion@intemporesueborum.es. Tódalas visitas son de balde.