El Correo Gallego

Noticia 18 de 317 noticia anterior de Ourense-Capital do Termalismo Especiales » Ourense-Capital do Termalismo

Ourense e Portugal irmándanse a través da historia do mundo suevo

O presidente da Deputación, Manuel Baltar, participou en Braga na presentación da exitosa exposición 'In tempore sueborum', aberta ata o 6 de maio en centros da cidade das burgas

Terceiro dende a esquerda, Baltar na presentación da exposición In Tempore Sueborum en Portugal - FOTO: G.
Terceiro dende a esquerda, Baltar na presentación da exposición In Tempore Sueborum en Portugal - FOTO: G.

ROSA CANO. SANTIAGO   | 17.04.2018 
A- A+

"A historia do mundo suevo une a Ourense e Portugal no territorio común onde compartiron cultura e etnografía". Así o expresou onte o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, na primeira presentación internacional da exposición In tempore sueborum, que tivo lugar esta tarde na cidade de Braga (Portugal), acto no que tamén participou o presidente da Cámara Municipal, Ricardo Río, e destacados historiadores como os directores do museo Diogo de Sousa, Isabel Silva, e do museo "Pío XII", José Paulo Leite de Abreu,

UNIÓN DENDE SÉCULOS "Únennos séculos dunha historia ata o a de agora descoñecida en moitos casos, a do pobo suevo, que tanta importancia tivo para a Gallaecia, ata o punto de constituír no noso territorio o primeiro reino medieval de Occidente", afirmou Manuel Baltar, destacando que a Deputación de Ourense, "no seu empeño por seguir abrindo novas páxinas descoñecidas da nosa historia e a nosa cultural puxo en marcha este singular proxecto que une a dez países de Europa e 39 museos, do que cabe subliñar a participación de Portugal; unha iniciativa cultural na que poñemos a disposición do público unha mostra de 262 pezas, sendo a primeira vez na historia que poden contemplarse xuntas".

“É o noso compromiso coa historia, a nosa homenaxe a un pobo, o suevo, que contribuíu a facer Ourense, Galicia e Portugal, e que merece estar presentes polas importantes achegas que nos deixou nos ámbitos etnográfico, social e cultural”, destacou Baltar, quen agradeceu o apoio do Goberno portugués e do goberno municipal de Braga, así como o de todas as autoridades portuguesas “que están a colaborar para que In tempore sueborum siga medrando en visitantes, en promover estudos científicos e, en definitiva, para que esta exposición sexa recordada como o que é: a mostra máis importante de Europa sobre o mundo suevo”, trasladando tamén os seus parabéns “ao equipo que fixo posible esta proeza cultural, á fronte do cal está o profesor Jorge López Quiroga, comisario da exposición”, dixou.

Pola súa banda, Ricardo Río agradeceu a presenza do presidente da Deputación de Ourense en Braga, “neste importante acontecemento que permite divulgar entre os bracarense e no resto de Portugal un período moi destacado da nosa historia conxunta entre Ourense e o norte de Portugal”, e salientou que a partires desde proxecto continuaremos a intensificar as relacións entre Braga e Ourense para seguir afondando nas raíces do que nos une”.

O MAIOR NÚMERO DE PEZAS DA ÉPOCA “In Tempore Sueborum reúne por primeira vez o maior número de pezas da época do primeiro reino suevo de occidente, localizado no territorio da Gallaecia (411-585), amosando 262 elementos procedentes de 39 museos de 10 países: España, Portugal, Austria, República Checa, Hungría, Eslovaquia, Polonia, Bélxica, Francia, Alemaña. Os tres espazos expositivos da cidade de Ourense están organizados por temáticas: o Centro Cultural Marcos Valcárcel abrangue a deconstrución dos bárbaros; a Igrexa de Santa María Nai acolle o proceso de cristianización na Gallaecia da época sueva, e o Museo Municipal amosa o ámbito social e organizativo dos suevos cos galaico-romanos. Permanecerá aberta ata o 6 de maio.

REedición do catálogo

••• No mesmo acto presentouse a segunda edición do catálogo de In tempore Sueborum, unha publicación cualificada como un fito na historiografía sobre o chamado mundo bárbaro, no que se encadran os suevos. Trátase dun traballo coral preparado por máis de 60 especialistas, e dividido en tres bloques que se corresponden cos tres espazos expositivos onde se exhibe a mostra: o Centro Cultural Marcos Valcárcel, a Igrexa de Santa María Nai e Museo Municipal de Ourense. A versión en papel do catálogo consta de 552 páxinas ten un prezo de 20 euros. O texto, en galego, español e inglés, analiza a realidade dos bárbaros e o seu contexto.